Restablécese a circulación no Corredor do Morrazo tras rematar as obras de estabilización dos noiros por 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas restablece a circulación no Corredor do Morrazo ao rematar as obras de estabilización dos noiros e que implicaron un investimento de 1,2 millóns de euros.

En marzo deste ano rexistrouse no Corredor do Morrazo uns desprendementos no ramal de acceso a Cangas (punto quilométrico 11+700) e no tronco desta infraestrutura á altura do p.q. 12+700.

As obras, que tamén foron declaradas de emerxencia polo Consello da Xunta, comezaron o 27 de marzo e consistiron na escavación de terreo, desmontaxe do muro actual e a construción dun novo muro de bloques de pedra granítica ata unha altura de 4,5 m, aproveitando a pedra útil existente e achegando a necesaria. Os traballos executados no p.q. 11+700 remataron o pasado día 4 de xullo, eliminándose así a principal afección ao tráfico, e as do p.q. 12+700, que foron obxecto de ampliación, continuaron ata hoxe, data na que se restableceu o tráfico.

No primeiro Consello da Xunta, tras as vacacións estivais, aprobouse unha partida de 383.000 euros para completar as obras de reforzo de firme, dado que os estudos xeotécnicos realizados durante a execución das obras recomendaron ampliar a actuación; ao tempo que se aprobaba o decreto polo que se declaraba a utilidade pública e se dispón a necesidade de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras.

Os labores inicialmente previstos eran de saneamento das terras que escorregaron e de sostemento dos noiros. Porén, os traballos de seguimento xeotécnico realizado durante a execución das obras amosaron que existían zonas que presentaban fracturación, polo que se podían producir novos desprendementos en condicións de chuvia. Ante esta situación foi necesario realizar actuacións que minimizasen ese risco.

Así, as cifras finais da actuación levada a cabo no noiro do p.q. 12+700 ascenden a unha escavación de case 50.000 m3 de terreo, un gunitado con mallazo de reforzo nunha superficie de máis de 3.500 m2, a execución de 380 metros de tubaxes drenadas soterradas e á colocación de máis de 3.300 metros de ancoraxes de cable de aceiro no terreo.

Reparación do viaduto no Alto da Portela-Menduíña

A Axencia Galega de Infraestruturas tamén está a realizar unha tarefa de conservación no viaduto no Alto da Portela-Menduíña (VG-4.6), que segundo as previsións da AXI rematará a vindeira semana.

Para a execución destes traballos de conservación é necesario realizar un corte desde o seu punto inicial (no enlace co corredor CG-4.1) ata o punto quilométrico 1+500, cara ao polígono industrial de Castiñeiras.

O tráfico desvíase pola estrada Marín-Rande (PO-551) e pola estrada provincial existente entre a PO-551 e o polígono industrial, que discorre practicamente en paralelo á vía para vehículos, polo que o desvío apenas incrementa a lonxitude do itinerario a realizar polos condutores.

12 de setembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.