Regresa a Ferrol o Premio Internacional de Gravado “Máximo Ramos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá as actividades que se realizarán con motivo do 23 Premio Internacional de Gráfica “Máximo Ramos”. O rexedor municipal estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado; e a comisaria, Sara Donoso Calvo. Esta programación consistirá na apertura da exposición do certame e nunha conferencia que terán lugar o vindeiro venres, día 12 de setembro, no Centro Cultural Torrente Ballester.

O acto central será ás 20:00 horas coa inauguración da exposición que acollerá as 49 obras seleccionadas desta edición do Premio Máximo Ramos entre as que se atopan a creación gañadora “Capas aleatorias de memoria”, do alacantino Ángel Masip; así como as catro mencións de honra outorgadas polo xurado aos artistas Eugènia Agustí, Edurne Herrán, Mauro Trastoy e Fernando Velázquez. Neste senso, o primeiro edil da cidade destacou a participación na mostra dos artistas locais Eloy Taboada e Eduardo Hermida, ao tempo que sinalou a repercusión do certame “coa participación de máis de 230 creacións de artistas procedentes de 24 países diferentes”, recalcou Jose Manuel Rey. A mostra da 23 edición do Máximo Ramos estará aberta ao público ata o 16 de novembro no CTB.

Primeira edición co CTB reformado

Antes do acto inaugural da mostra artística, concretamente ás 19:00 horas, se desenvolverá unha conferencia sobre a historia e importancia do gravado ao longo do tempo que impartirá Juan Manuel Monterroso Montero, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

O rexedor ferrolán subliñou a importancia de certames como o Máximo Ramos, os Premios de Investigación ou o Premio Internacional de Piano Cidade de Ferrol “para reforzar a imaxe da nosa cidade e contribuír á Marca Ferrol no ámbito cultural”. Ademais, o rexedor municipal lembrou que esta 23 edición do Premio Máximo Ramos será a primeira cun Centro Cultural Torrente Ballester totalmente rehabilitando tanto o seu interior como o exterior.

9 de setembro de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.