Regresa a Allariz unha nova edición do Mercado de Artesanía Arte de Man
A Cámara de Comercio de Ourense acollía esta mañá a presentación da décima segunda edición do Mercado de Artesanía Arte de Man que organizan conxuntamente o Concello de Allariz e a Asociación de Artesáns de Allariz.
O vindeiro domingo 14 de setembro celebrarase unha nova edición da Feira de Artesanía que terá lugar no casco histórico de Allariz, concretamente na Praza Maior e na Praza de Abaixo, un proxecto que nacía no ano 2003 froito do traballo conxunto, entre o Concello e os artesáns alaricanos, de recuperación etnográfica e dos oficios perdidos para promocionar a actividade artesanal.
Participarán 25 artesáns chegados dende toda Galicia, dos que catorce son da localidade alaricana, que durante todo o domingo terán expostos xoias, cerámica, esmaltes, madeira, cestería, téxtil, coiro e pintura, entre outros.
Ademais de exposición e venda varios artesáns realizarán demostracións de bixutería e encadernación e elaboración de tocados.