Recíbense 29 propostas para a renovación da praza de Mosteiro de Cines

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña informa de que recibiu un total de 29 propostas para a renovación da praza de Mosteiro de Cines, unha obra enmarcada dentro do proxecto Urbana C e que conta cun orzamento de licitación que se aproxima aos 500.000 euros.

A Concellaría de Infraestruturas proxecta a remodelación desta praza situada entre os barrios do Agra do Orzán e O Ventorrillo, cun orzamento de 499.839 euros e un prazo de execución máximo de 6 meses. A praza de Mosteiro de Cines é un espazo público usado fundamental polos residentes na zona e que, debido ao seu deseño actual, é pouco utilizado polos peóns.

Para lograr un mellor aproveitamento da praza e un maior goce deste espazo libre, o Concello busca con esta obra contar cunha praza máis aberta, de plataforma única e que favoreza a comunicación peonil. Así, integrarase o interior da praza nos percorridos peonís e o tráfico rodado restrinxirase na rúa Mosteiro de Toxos Outos para dar maior protagonismo ao cidadán que se desprace a pé. Ademais, a rúa Antonio Pedreira Ríos cambiará de sentido, polo que a mobilidade na zona está garantida ao discorrer por vías con maior capacidade de tránsito.

O departamento de Infraestruturas tamén aproveita a remodelación da praza para incrementar a oferta de xogos infantís e para reservar o espazo suficiente para a celebración de actividades populares e culturais. Ademais, recuperarase e reforzarase o valor da fonte e a estatua conmemorativa de Pucho Boedo que xa existen na praza.

O novo proxecto municipal tamén recolle a plantación de árbores, de pantallas vexetais e o mantemento na súa localización actual de dúas palmeiras de gran valor. Por último, renovarase a iluminación, adaptando os farois ao novo deseño e con equipos LED máis eficientes, e colocarase mobiliario urbano (bancos, fontes e papeleiras).

7 de setembro de 2014 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.