Reapertura da piscina Pedro Escudero do Pavillón dos Remedios
A piscina de 25 metros Pedro Escudero, do Pavillón Municipal dos Remedios, reabrirá ao público mañá, martes, día 2 de setembro, ás 15,00 horas.
A piscina pechou como habitualmente cada ano no mes de agosto, ainda que esta vez se aproveitou este peche para instalar un novo sistema de climatización xa que o existente chegara xa ao fin da súa vida útil e a humidade que se rexistraba na piscina era moi alta, co conseguinte deterioro da instalación e o prexuízo tanto para o persoal como para usuarios e usuarias das instalacións. De feito, por estes problemas de humidade se rexistrara a caída do falso teito existente.
As obras de reparación supuxeron un investimento duns 140.000 euros e cambian totalmente os sistemas de impulsión e extracción de aire de dita piscina. Tamén se aproveitou este mes de peche da piscina para cambiar o chan e a zona de duchas do vestiario masculino, colocar duchas con regulación térmica nos vestiarios masculino e femenino e pintar o teito da piscina nun color azul celeste que ofrece mellor vista e máis claridade á piscina.
A apertura realizarase coas obras rematadas pero a espera da posta a punto da máquina climatizadora polo que os primeiros días non se poderá observar o rendemento óptimo da instalación.
A necesidade de impartir os cursiños de natación para nenos e persoas adultas, e poder desenvolver as actividades programadas nesta piscina aconsellan a súa apertura, contando que as condicións meteorolóxicas son favorables para o control da humidade sen o aporte do novo sistema de climatización.











