Rafa Luz será o primeiro capitán do Rio Natura Monbus Obradoiro

Rafa Luz
O Rio Natura Monbus Obradoiro xa decidiu quen levará os mandos do vestiario, elixindo aos seus tres capitáns de equipo. O equipo confiou unha vez máis nos xogadores que máis tempo levan no conxunto santiagués para asumir tal reto.
O primeiro capitán durante esta campaña será Rafa Luz, que no seu terceiro ano como base santiagués está disposto a dirixir ao resto do persoal, con nove xogadores recentemente chegados, dentro e fóra da pista. O brasileiro afirma sentirse “moi contento, sobre todo polo feito de ser elixido polos meus compañeiros e corpo técnico, o que demostra que confían en min. Teño ilusión con esta nova experiencia”.
Tamén Pavel Pumprla, outro dos xogadores renovados de anos anteriores, levará a experiencia por bandeira exercendo como segundo capitán. Un reto para el non descoñecido, pois o xogador checo é o capitán da selección nacional do seu país, a República Checa. Por último, o mallorquino Alberto Corbacho, será quen leve o título de terceiro capitán, do que afirma sentirse “orgulloso, xa que é unha gran responsabilidade que implica tratar de axudar aos meus compañeiros en todo o que poida”.











