Quintana valora a alianza entre Administración, científicos e sector na mellora do futuro marítimo-pesqueiro

Intervención de Rosa Quintana na conferencia
A conxunción de saberes –da comunidade científica, do sector pesqueiro e da Administración– é un factor decisivo para o futuro do eido marítimo-pesqueiro. Así o valorou esta mañá na Coruña a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración da Conferencia Científica Anual 2014 do Consello Internacional para a Exploración do Mar.
Rosa Quintana dixo que o traballo combinado destes tres sectores “é o que nos leva a conseguir esa tripla visión fundamental para a pesca. Unha unión de forzas que establece a consideración dos aspectos ambientais e sociais, sen descoidar nunca o aspecto económico”.
A conselleira sinalou que “somos conscientes da necesidade de establecer TAC e cotas, de perfilar directrices que unifiquen os distintos criterios de pesca das diferentes comunidades e países”. Neste sentido, valorou o papel da comunidade científica e agradeceu o seu traballo do que –dixo– “é unha das bases para conseguir a sustentabilidade dos nosos mares”.
Rosa Quintana considerou un acerto e un elemento significativo que os organizadores desta Conferencia escolleran Galicia para a súa celebración, porque “o seu eixo principal, o debate sobre a sustentabilidade nun océano que está cambiando, é tamén unha das grandes preocupacións do noso sector pesqueiro”.
Nesta mesma liña, a conselleira felicitouse pola “tranquilidade que dá saber que o estudo do futuro dos nosos recursos está en boas mans. Descansa no asesoramento dos científicos que coñecen o medio”.
Rosa Quintana felicitou tamén aos responsables do Instituto Español de Oceanografía, que celebra o seu centenario. Desta institución, dixo que “naceu co encomiable propósito de levar a cabo estudios sobre as condicións físicas, químicas e biolóxicas dos nosos mares, co obxectivo utilizar os resultados para solucionar os problemas das pesquerías”, algo do que –sinalou– “nos sentimos dobremente seguros e agradecidos”.
Esta Conferencia Científica Anual do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) lévase a cabo en España para conmemorar o centenario do Instituto Español de Oceanografía. Celébrase na Coruña do 15 ao 19 de setembro e nela participarán máis de 500 científicos de todo o mundo.











