Quince persoas con discapacidade de Mos inician un curso de formación con COGAMI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O mércores, 17 de setembro, as instalacións do centro de recursos de Mos (Hospital Psiquiátrico do Rebullón, Avd. do Rebullón s/n) acollen un curso de formación de Gravador e tratamento de datos e documentos dirixido a persoas con discapacidade.

Un total de 15 persoas, 8 homes e 7 mulleres, veciños dos concellos de O Porriño, Vigo, Bueu, Redondela e Mos, asistirán ás clases presenciais que se van impartir de luns a venres en horario de 14:30 a 22:00 horas.

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Emprego e Benestar a través da Dirección Xeral de Emprego e Formación, este curso de administrativo ten unha duración de 458 horas, co que rematará a mediados do mes de decembro.

A temática que vai tratar na formación é sobre gravación de datos, tratamento de textos, documentación e datos, reprodución e arquivo e, tralas clases teóricas, realizarán prácticas non laborais en empresas da zona.

Todas as persoas inscritas nesta acción formativa están apuntadas no servizo de intermediación laboral (SIL) que ten COGAMI en Vigo, todas teñen discapacidade recoñecida e algunha delas procede doutras profesións das que non van poder volver traballar por ter unha incapacidade laboral recoñecida. Outras, en cambio, fórmanse porque queren ampliar os coñecementos para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

Con esta formación que se desenvolve en Mos, son un total de 11 os cursos de AFD que COGAMI oferta este ano en Galicia, co fin de especializar ás persoas con discapacidade nunha profesión que lles permita inserirse no mercado laboral canto antes e conseguir, finalmente, a súa inclusión na sociedade.

16 de setembro de 2014 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.