Publícase a contratación das obras de renovación das pistas de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

A Secretaría Xeral para o Deporte publica no Diario Oficial de Galicia do día de hoxe a contratación das obras de renovación das pistas de atletismo situadas nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, CGTD.

A contratación –que tamén inclúe as obras de renovación da pista de atletismo do estadio Josefina Salgado no Complexo Deportivo de Monterrei, Pereiro de Aguiar- supón a primeira das fases da remodelación das instalacións de atletismo no CGTD, e que se acometerá nas zonas de salto e lanzamento (a segunda das fases afectará á zona de carreiras), prevíndose un período de execución de, aproximadamente, 3 semanas.

As obras licitadas no CGTD son unha actuación máis das enmarcadas no ámbito do funcionamento do Centro que, en cómputo anual e de forma directa, supón un investimento total para o departamento de deportes da Xunta de Galicia de 1.800.000 euros. Esta cantidade súmase ós 456.477 euros destinados, vía convenio de colaboración, ás Federacións deportivas con deportistas no Centro para os seus programas de tecnificación nel desenvolvidos.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva

O Centro, que no 2012 celebrou ou seu 25 aniversario, é a referencia do deporte de alto nivel de Galicia (polas súas instalacións pasaron unha vintena de olímpicos e paralímpicos), atopándose nun momento de expansión en canto a deportistas bolseiros, así como tamén en continua adaptación ao alto nivel competitivo do deporte autonómico.

Desta forma, e neste curso 2014/2015 que se vén de inaugurar, o CGTD contará, fronte aos 145 da pasada tempada, con 150 deportistas (entre eles Javier Gómez Noya, Teresa Portela ou María Vilas), destacando a incorporación dunha nova modalidade, o bádminton, que pasa a formar parte dos deportes do Centro xunto ao atletismo, o judo, a loita, a natación, o piragüismo, o slálom, o remo, o taekwondo e o tríatlon.
Nestas modalidades, o atletismo ocupa o quinto lugar en número de bolseiros, cun total de 15 deportistas -entre os que destacan os 8 de salto e de lanzamentos-, fronte aos 27 de piragüismo, 25 de tríatlon, 18 de taekwondo, 16 de loita, 14 de bádminton e de natación, 12 de judo, 5 de slálom e 4 de remo.

Os deportistas do Centro atópanse en distintos réximes de utilización das instalacións, que van dende residente a externo, e encadrándose todos eles en grupos de tecnificación ou grupos de rendemento, en atención aos requirimentos establecidos na resolución publicada ao efecto no Diario Oficial de Galicia do pasado 11 de xullo.

Xunto a esta utilización das instalacións do CTGD polos deportistas de tecnificación e de rendemento de Galicia, o Centro cumpre tamén un destacado papel de servizo ao tecido deportivo e asociativo da cidade de Pontevedra: clubs, centros socio-comunitarios e escolas deportivas municipais, utilizan gratuitamente as instalacións do Centro, en horario de 8 da mañá a 23.30, alcanzándose por esta vía unha media de 500 usuarios diarios.

25 de setembro de 2014 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.