publicidade hoxe

Preto de 200.000 euros foron investidos en melloras nos centros de educación da comarca do Condado-A Paradanta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís visita o Ceip Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas

Cores Tourís visita o Ceip Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o CEIP Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas, onde destacou os case 200.000 euros investidos pola administración autonómica no presente ano para a mellora dos centros educativos dos concellos da comarca do Condado e A Paradanta.

Durante a visita, o responsable territorial estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

No caso do centro de Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas, a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra a través da Xefatura Territorial de Educación levou a cabo a reforma da rede de pluviais do comedor e da instalación da cociña, onde a administración autonómica investiu máis de 25.500 euros.

“O obxectivo destas obras foi atallar as filtracións de auga no comedor escolar que estaba a afectar na utilización do mesmo debido os desbordamentos que sucedían cos temporais. O mesmo ocorría na cociña do centro, ”, explicou o delegado territorial, quen matizou que as obras consistiron na disposición de novas baixantes de maior diámetro que evacúan a auga da cuberta. “Aproveitáronse as obras para sacar as baixantes cara ao exterior do edifico”, engadiu.

No concello de Ponteareas, ademais, tamén se executou este ano a reforma da cuberta do colexio Ramiro Sabell, no que se investiron case 12.000 euros. “Hai que agradecer, en todas estas obras, a colaboración do concello, que está a colaborar tamén, tanto en materiais como en operarios, para a posta en marcha de diversas obras nos colexios da localidade”, argumentou Cores Tourís.

Ademais, nesta comarca tamén se levou a cabo a reforma eléctrica do colexio de Arbo; o arranxo de filtracións no pavillón e melloras no comedor do centro de Primaria de A Cañiza; a reforma eléctrica do colexio de Crecente e do IES Pazo da Mercé de As Neves, así como o revestimento da caldeira do colexio desta localidade. Tamén se levou a cabo o arranxo de tubaxes no CPI de Mondariz, onde se executou tamén a mellora do alumeado de emerxencia.

A maiores, os diferentes centros educativos da comarca tamén recibiron, en concepto de gasto extraordinario, 27.000 euros para a posta en marcha de obras de menor envergadura en colaboración cos concellos. Así, levaranse a cabo reformas de carpinterías interiores, melloras relativas ao pintado de aulas e pasillos, etc.

“A suma de todas estas cantidades demostra a implicación da administración autonómica cos centros educativos e a calidade educativa da comarca do Condado-A Paradanta, xa que estamos a falar de máis de 3,9 millóns de euros destinados a obras de mellora e reforma tanto en Primaria coma en Secundaria dende 2009”, quixo matizar tamén José Manuel Cores Tourís.

A nivel provincial, o delegado territorial recordou que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. “Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros”, concluíu.

3 de setembro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.