Preséntase o Plan Director da Grela para incorporar o barrio ao século XXI
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo presidente da Asociación de Empresarios de Agrela, Manuel García Santamaría, presentou esta mañá o Plan Director da Grela, que contempla un total de 76 accións concretas, orzadas en 34,4 millóns de euros, para realizar na zona até 2020. “A Grela é un barrio particular pero é un máis da cidade, esa é a nosa aspiración, que a malla urbana sexa continua para incorporar esta zona ao século XXI”, subliñou o alcalde.
Carlos Negreira destacou que, tras 51 anos, A Grela merecía contar con este plan director cuxa elaboración se baseou en dous alicerces: o subxectivo, a través de enquisas aos empresarios do polígono para coñecer as súas necesidades; e o obxectivo, a través de análises realizadas por profesionais para o deseño do documento -no que se analizaron todas as rúas e os distintos ámbitos de actuación desde o punto de vista das súas debilidades, fortalezas e posibilidades-.
“Este proxecto condensa moi ben o que queremos para este polígono no horizonte de 2020”, asegurou e continúo: “É un plan que quere ser dinámico pero que xa contempla 76 accións, acordadas coas necesidades da asociación de empresarios, orzadas en 34,4 millóns de euros dos que 26,4 correrán a cargo do Concello, practicamente o 80%”. O resto do financiamento procederá da Xunta, a propia asociación e outros organismos e entidades.
“Creemos de forma egoísta que investir na Grela é investir en emprego”, sinalou e lembrou que se trata dunha zona que alberga 580 empresas nos seus 1,5 millóns de metros cadrados: “Achegounos moito en 51 anos pero esperamos que siga sendo un importante activo de futuro. Por iso necesitamos modernizar este barrio, polo ao día e non podemos escoller mellor ferramenta que una na que esteamos todos de acordo nas súas prioridades”.
O alcalde informou de que todas e cada unha das medidas están detalladas e nelas especifícase a súa execución a curto, medio e longo prazo. O Plan Director contempla actuacións en todo tipo de ámbitos co obxectivo de mellorar aspectos urbanísticos, rehabilitar o tecido urbano e o espazo público, mellorar a integración na cidade e incorporar novos servizos públicos desde mellora de infraestruturas e beirarrúas, a mobilidade e conectividade peonil, accesibilidade, ou eliminación de barreiras arquitectónicas. Pero tamén mellora en aspectos de seguridade e de sustentabilidade e mellora ambiental, ademais da incorporación de cheo do polígono ás novas tecnoloxías.
As próximas actuacións máis importantes e inmediatas (que levarán a cabo entre este último trimestre e o primeiro de 2015) teñen que ver con mellorar o saneamento da zona do Martinete e o soterramento dos cables aéreos de media tensión do polígono.
Tal e como explicou o alcalde, neste mandato xa se executaron actuacións na Grela que responden á filosofía e necesidades plasmadas no plan, en materia de infraestruturas, iluminación ou canalizacións. De feito, executouse o 10% do plan.
O presidente da Asociación de Empresarios de Agrela, pola súa banda, destacou que é un día de festa porque o plan é un proxecto ao que os empresarios aspiraban desde facía moito tempo. Por este motivo agradeceu a sensibilidade do Concello por dar resposta ás súas demandas.











