Posta en marcha do obradoiro de emprego “Vista Alegre III” de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVilagarcía de Arousa
A-
A+
Cores Tourís na inauguración do obradoiro

Cores Tourís na inauguración do obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “Vista Alegre III” de Vilagarcía, acompañado do alcalde da localidade, Tomás Fole.

O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta está a investir 187.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento chegarán a superar os 225.000 euros”, segundo explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 21 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en Confección e Publicación de Páxinas Web e en Traballos de Carpintería e Moble: un director, una titora e dous monitores.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 25 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos titores e monitores dos dous cursos. Destacou o delegado territorial o feito de que no proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.
De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En Confección e Publicación de Páxinas Web formaranse 9 alumnos e en Traballos de Carpintería e Moble outros 12.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses no deseño e realización da páxina web da concellería de Turismo de Vilagarcía de Arousa, así como na elaboración e mantemento de mobiliario para a revalorización dos espazos públicos naturais deste concello como o parque Ravella, as zonas peonís do centro histórico e os contornos rurais e instalacións municipais.

Cores Tourís, aproveitou a visita ao obradoiro de Vilagarcía para destacar o “a colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole agradeceu a visita do delegado territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositase a súa confianza no noso concello para pór en marcha este proxecto xa que cumpre varios obxectivos: por un lado formar a desempregados do concello; por outro darlles un traballo durante 6 meses e finalmente, axudarnos a desenvolver importantes obras municipais”.

O delegado territorial recordou que obradoiros como o de Vilagarcía estanse a desenrolar en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 2 millóns de euros que permitirán beneficiar a un total de 242 persoas en 12 obradoiros de 22 concellos que poderán contar cun emprego nun momento de crise como o que estamos a vivir”.

No caso da comarca de O Salnés, serán 4 os obradoiros a desenvolver nos próximos meses: Cambados, Mancomunidade de O Salnés, O Grove e Vilagarcía de Arousa. “En total, investiranse 750.000 euros para a posta en marcha destes obradoiros de emprego que beneficiarán a máis de 100 persoas entre alumnos e monitores”, rematou José Manuel Cores Tourís.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha estes días un total de 53 obradoiros, que contarán cun investimento de preto de 10 millóns de euros e un número total de participantes que roldará os 1.300.

29 de setembro de 2014 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.