Posta en marcha da execución dos proxectos de mellora do campo da feira de Paiosaco
Os proxectos que promove o Concello da Laracha –un deles, coa colaboración económica da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia- co obxectivo de mellorar o recinto feiral de Paiosaco xa están en marcha.
A parte da obra correspondente á renovación das beirarrúas que bordean un dos laterais do recinto feiral xa está rematada. Este proxecto tamén contempla o repintado dos máis de catrocentos postos de venda existentes no campo da feira de Paiosaco, labores necesarias semana para delimitar a superficie de cada un e facilitar a instalación por parte dos comerciantes que teñen os seus correspondentes espazos asignados, ademais da ampla área de venda libre de produtos do campo. Esta fase comezará a acometerse a semana que vén.
Complementaria e paralelamente, o Concello da Laracha está a realizar outra actuación diferenciada na mesma zona e dirixida, neste caso, a renovar o pavimento dun tramo da rúa Campo da Feira. Este obra, que tamén inclúe a correspondente sinalización, está actualmente en marcha e é financiada integramente con fondos propios municipais.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, edil responsable da área de obras, realizaron unha visita ao lugar no que se está actuando co propósito de coñecer persoalmente o desenvolvemento dos traballos.
Entre ambos proxectos o investimento total sitúase en torno aos 40.000 euros. Estas melloras facilitarán o desenvolvemento da actividade comercial nas feiras que se celebran no primeiro e no terceiro domingo de cada mes. Ademais, pola situación do recinto en pleno centro de Paiosaco, as actuacións que se están a acometer beneficiarán aos veciños da vila en xeral porque reforzarán a seguridade viaria e as condicións da estrada e da beirarrúa da rúa Campo da Feira.











