publicidade hoxe

Pontevedra acollerá un congreso internacional de viveiros de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

Pontevedra acollerá o vindeiro mes de abril un encontro internacional de viveiros de empresas, ó abeiro dun convenio de colaboración asinado esta mañá polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o director xeral de Incyde, Javier Collado. 

No encontro, cunha especial sensibilidade cara ós sectores estratéxicos de Pontevedra (coma o vitivinícola), desenvolveranse as seguintes actuacións:

– Xornadas e grupos de traballo orientados a xestores dos viveiros de empresas, sobre organización, xestión, financiamento e políticas de emprendemento
– Acceso ó financiamento para as empresas viveiristas
– Desenvolvemento de experiencias internacionais comparadas
– Xornadas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico
– Networking activo (rede de contactos e oportunidades de negocio) entre os asistentes

Está previsto que nel participen membros da Rede de Viveiros Empresariais de Incyde, a maior de Europa, con 96 viveiros funcionando e 15 en construción, todos financiados a través dos Fondos Feder.

Tal e como sinalou o director xeral de Incyde, o de Pontevedra será o único encontro destas características que se celebra no norte de España, xa que forma parte dunha rede de catro eventos que a fundación distribúe ó longo do país. O primeiro deles desenvolveuse en Sevilla e a este seguiralle o de Pontevedra, un no Mediterráneo e un cuarto en Canarias.

2.800micropemes creadas

Desde o 2002 Incyde (coas cámaras e as institucións) creou 2.800 micropemes; por iso recibiu o premio de Boas Prácticas polos Fondos Feder e a Comisión Europea.

Agora Europa enfoca as súas estratexias de desenvolvemento, para o período 2014-2020, cara ó crecemento intelixente e innovador das micropemes, fomentando o intercambio e a cooperación entre os novos emprendedores para reforzar o tecido produtivo de cada país e recuperar o talento emigrado.

26 de setembro de 2014 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.