publicidade hoxe

Ponte Caldelas aproba a licenza de obra e instalación da conserveira Orbe, S.A.

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que na Xunta de Goberno de hoxe venres aprobouse a licenza de obra e instalación para a fábrica de conservas ORBE, S.A. que se instalará na parcela Nº 13 do Parque Empresarial da Reigosa.

No pleno celebrado o pasado xoves a corporación aprobaría unha bonificación no ICIO do 50% á citada empresa por considerar o proxecto de “interese municipal” polas posibilidades de emprego que suporá esa empresa no futuro, en especial para o colectivo de mulleres desempregadas.

A este respecto, o alcalde asinou a principios desta semana un protocolo de colaboración en virtude do cal ORBE, S.A. mostra a súa disposición a facilitar a empregabilidade a parados censados neste municipio dentro das posibilidades e postos de traballo que poida xerar a empresa.

Aínda con esa bonificación, o ingreso pola licenza que tivo que pagar a empresa ascende a 61.000 euros, o que supón tamén un importante ingreso para as arcas municipais.

Perfecto Rodríguez considera moi importante para o futuro a implantación desta empresa no polígono da Reigosa. “Levamos máis de 3 anos de conversacións coa empresa para a súa localización na Reigosa, e por fin este verán se confirmou e coa licenza agora outorgada esperamos que o próximo verán entre en funcionamento”.

O alcalde quere deixar claro que é a empresa ORBE, S.A., como empresa privada, a que seleccionará o persoal de acordo ás necesidades de emprego que vaia xerando e aos perfís profesionais que necesita. “O que acordamos no protocolo é que nesas circunstancias daranlle prioridade ás veciñas desempregadas do noso municipio, algo moi importante”.

“O meu labor como alcalde é atraer empresas ao polígono industrial para que exista xeración de emprego, e a poder ser, que se beneficien os desempregados do noso municipio”.

26 de setembro de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.