Ponte Caldelas aproba a declaración da instalación da Conserveira Orbe, S.A. na Reigosa de “especial interese municipal”
A Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou, cos votos a favor do PPdeG e BNG e a abstención do PSdeG-PSOE, a declaración de proxecto de interese municipal a construción da factoría conserveira ORBE, S.A. no Parque Empresarial da Reigosa, que leva un investimento duns 6 millóns de euros e suporá unha ocasión importante para favorecer as posibilidades de empregabilidade no municipio. Así mesmo, a implantación desta factoría suporá a futura tributación de ORBE, S.A. en Ponte Caldelas por conceptos como o IAE ou o IBI.
Previamente a esta declaración, o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, acaba de subscribir coa dirección da empresa un protocolo de colaboración en virtude do cal ORBE, S.A. mostra a súa disposición a facilitar a empregabilidade a parados censados neste municipio dentro das posibilidades e postos de traballo que poida xeral a empresa.
Así mesmo, a Corporación Municipal de Ponte Caldelas decidiu outorgarlle unha bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) ao proxecto construtivo que levará a cabo ORBE, S.A. no Parque Empresarial da Reigosa.
A ordenanza municipal reguladora do ICIO prevé a posibilidade de bonificación entre o 50 e o 95% na cota de devandito imposto ás construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de “especial interese ou utilidade municipal” por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento de emprego, como neste caso, que xustifiquen tal declaración.
Así, a Corporación Municipal decidiu aplicarlle a porcentaxe mínima de bonificación (o 50%) argumentando que a instalación desta conserveira no termo municipal de Ponte Caldelas supón unha posibilidade real de creación de emprego, en especial de mulleres, posto que a maior parte do persoal que contratan estas empresas conserveiras é feminino, “o que leva tamén unha posibilidade certa de inserción laboral de desempregados no noso municipio, un colectivo con maiores dificultades de empregabilidade”, manifestou o alcalde, Perfecto Rodríguez.
Tamén anunciou o rexedor de Ponte Caldelas que prevé que a Xunta de Goberno de mañá venres outorgue xa a licenza de obras e de actividade co fin de axilizar ao máximo a posta en funcionamento desta factoría, prevista pola xerencia da empresa para o próximo verán.
INFORMACIÓN TRANSPARENTE SOBRE ASUNTOS ECONÓMICOS
Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal aprobou cos votos a favor do PPdeG, a abstención do BNG e o voto en contra do representante socialista, a conta xeral do exercicio de 2013 para o seu posterior envío ao Consello de Contas, en tempo e prazo. Devandito informe recolle máis de medio millón de recursos novos conseguidos grazas á xestión do equipo de goberno ante outras entidades como Xunta e Deputación de Pontevedra para realizar investimentos no municipio. Tamén se incluíu nas contas do 2013 un remanente duns 182.000 euros obtidos a través dun proceso de austeridade e optimización orzamentaria.
Finalmente, deuse coñecemento á Corporación Municipal do informe de Tesouraría e Intervención, seguindo as medidas implementadas contra a morosidade de operacións comerciais, relativas ao segundo trimestre de 2014 no que se establece unha media de pago a provedores duns 30 días. “Algunhas facturas páganse en 15-18 días e outras nun prazo un pouco maior, pero os técnicos confírmanme que a nosa media de pago é moi boa e non supera, en xeral, os 30 días desde a presentación correcta da factura nas dependencias municipais”, sinalou o alcalde Perfecto Rodríguez.











