Persoal laboral e Concello de San Sadurniño subscriben o primeiro convenio colectivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

16 capítulos, 50 artigos e un anexo condensados en 38 páxinas para poñer en negro sobre branco as relacións do Concello co seu persoal laboral no que é o primeiro convenio colectivo suscrito nunca entre a administración local e a xente que traballa nela. Un documento “histórico”, tal e como sinalou o alcalde este mércores durante a sinatura do acordo coa representación dos traballadores e traballadoras, no que se recollen dereitos pero tamén deberes.

A sinatura do convenio é a culminación dun proceso que se iniciou en 2013 a instancias dos propios traballadores e traballadoras laborais. Neste tempo as partes mantiveron unha decena de xuntanzas negociadoras que deron como resultado un documento que, na práctica, é unha guía de obrigado cumprimento para a estruturación do funcionamento da administración. De feito, antes de chegar a este acordo a administración local de San Sadurniño non dispuña de ningún documento que regulase cuestións tan elementais como as xornadas de traballo, os horarios, o sistema retributivo, a formación ou, por exemplo, de que maneira se promocionará a conciliación familiar e a igualdade entre traballadoras e traballadores.

O articulado deixa constancia destes e outros aspectos cos que se busca establecer un marco regulador das relacións entre o cadro de persoal e a administración e entre a administración e os seus traballadores e traballadoras. Ademais, o convenio tamén busca “a excelencia na xestión municipal” e unha maior eficiencia na prestación de servizos da que se beneficie toda a cidadanía.

O convenio colectivo asinárono este mércores na Casa do Concello o alcalde e a parte sindical do persoal que, ademais, é representativa das tres áreas laborais nas que se estruturan de facto os servizos municipais: obras, oficinas e servizo de axuda no fogar.

A duración do acordo establécese inicialmente ata o 31 de decembro do ano que vén e despois prorrogarase automaticamente cada ano a menos que se produzan denuncias por algunha das partes. O convenio superou a primeiros de mes o trámite plenario co apoio de BNG e PSOE e a abstención do PP. Logo de asinado por Concello e representantes sindicais o texto foille enviado xa á Consellería de Traballo para a súa validación. 

Este novo marco regulador aféctalle a 35 traballadores e traballadoras do Concello de San Sadurniño, xa que as 6 persoas restantes ata completar o cadro pertencen ao funcionariado.

25 de setembro de 2014 | 11:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.