Ourense protagonizará o programa de televisión “Aquí Portugal” esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaOurense
A-
A+

A cidade de Ourense, coa súa oferta termal, turística, comercial e cultural, chegará aos fogares dos televidentes de toda Galicia e Portugal esta fin de semana, coa emisión, en directo dende a Praza Maior, do programa “Aquí Portugal” da Radio televisión pública de Portugal, RTP, que será emitido tamén pola Televisión de Galicia. Será nunha sesión aberta ao público en xeral, que poderá presenciar gratuitamente este espectáculo, de 15,15 a 21,00 horas, que incluirá entrevistas, reportaxes e actuacións en directo de numerosos artistas de Ourense.

Ourense será así a protagonista deste programa, que realizarán conxuntamente as televisións públicas de Galicia e Portugal dende a cidade, coincidindo coa tradicional festa local dos Remedios. O programa realízase coa colaboración do Concello de Ourense e da Fundación San Rosendo.

Con el, a oferta da cidade de Ourense presentarase ante unha audiencia potencial directa de 13 millóns de persoas (suma das poboacións de Galicia e Portugal) ao emitirse polas primeiras canles dambas televisión, máis seguidores e seguidoras das canles internacionais dambas televisións, que chegan á ampla comunidade lusófona no mundo e a disáspora galega.

Divulgación do potencial da cidade en Galicia e Portugal

O Concello de Ourense colabora nesta iniciativa, como unha interesante aposta pola divulgación do potencial da cidade en Galicia e no país veciño, e agradece a aposta de TVG e RPT por Ourense para realizar este programa.

O Concello anima a tódolos veciños e a tódalas veciñas da cidade a que se acheguen o sábado á Praza Maior para desfrutar do espectáculo que brindará a súa realización en directo deste programa.

“Aquí Portugal” é un  magazine que dende hai anos se emite con grande éxito as tardes dos sábados na canle lusa, semellante ao Aquí Galicia, que TVG empezou a emitir o pasado mes de xuño.

A través de reportaxes e entrevistas, divulgaranse os principais referentes da cidade como Capital Termal de Galicia, os seus lugares máis atractivos dende un punto de vista turístico, as actividades culturais máis destacadas, así como os elementos patrimoniais e naturais máis representativos, xunto coa oferta comercial e gastronómica, entre outros aspectos que serán abordados ao longo do programa.

“Aquí Portugal” gravará tamén algúns dos seus contidos en diferentes localizacións da cidade, para achegar aos espectadores e espectadoras algúns dos lugares máis emblemáticos e representativos da cidade dende un punto de vista turístico e termal.

2 de setembro de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.