Ourense conmemora a Semana da Mobilidade con tres actividades que promoverán o uso da bicicleta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Aspectos básicos para manter a punto a nosa bicicleta, contidos relativos á circulación pola cidade, un roteiro coa posibilidade de participar nun concurso de fotografía, e unha marcha reivindicativa serán as propostas da edición do 2014 da Semana da Mobilidade, na que o Concello de Ourense será partícipe un ano máis.

Susana Bayo, concelleira de Transporte, Raúl Fernández, da Asociación Bilúrico, e Manuel Díaz, técnico municipal, presentaron esta mañá no Salón de Plenos os detalles dos contidos, que se celebrarán na nosa cidade entre o 17 e o 22 de setembro. Co obxectivo de fomentar o emprego de transportes alternativos, o Concello convida á cidadanía a participar nas tres actividades, que serán de balde. O Ministerio de Medio Ambiente, as asociacións Mobilízate e Bilúrico, e Urbanos de Ourense colaborarán na súa posta en marcha.

Así, esta edición da Semana da Mobilidade comprenderá:

Curso de Mecánica de bicicleta e condución segura

(Mércores 17 de setembro, na Praza Maior, a partir das 18:30 horas).

Consistirá nun curso teórico práctico, no que se explicarán aspectos básicos para manter a punto a nosa bicicleta, coma o engraxado, axustes, arranxo de picadas de roda, etc. No referido á condución segura, tratarase a normativa de circulación en bicicleta pola cidade, a iluminación e a sinalización, así coma un pequeno percorrido para por en práctica os conceptos adquiridos. Recoméndase aos participantes que leven a súa propia bicicleta, nas dúas partes do curso.

Concurso de fotografía e fotomaratón en bicicleta

(Xoves, 18 de setembro, a partir das 18 horas)

As persoas participantes realizarán un roteiro pola cidade, parando nos lugares máis emblemáticos. Durante o circuíto, poderán realizar fotografías e participar nun concurso.

Estas dúas actividades requiren inscrición, entre o 9 e o 17 de setembro na Concellería de Xuventude ou na Concellería de Transporte, ou ben a través de mail xuventude@ourense.es.

Marcha en bicicleta

(Luns, 22 de setembro, a partir das 19:30 horas, saída Praza Maior).

Marcha reivindicativa en bicicleta polas rúas da cidade, para conmemorar o “Día sen coches”, dentro da Semana da Mobilidade e fomentar o uso de transportes alternativos entre a cidadanía.

Durante este día, todas as viaxes nos Autobuses Urbanos serán gratuítas.

Unha rúa mellor é a túa elección”

A concelleira de Tranporte, Susana Bayo, fixo referencia ao lema escollido nesta edición “Unha rúa mellor é a túa elección”, incidindo na necesidade dun cambio de percepción por parte da cidadanía, que asuma que “as costas que hai en Ourense non son insalvables. Calquer bici hoxendía ten capacidade suficiente para transitar comodamente pola nosa cidade”. Continuou, aludindo a que “o tráfico ás veces supón un problema para as bicis, pero cantos máis sexamos na rúa, antes se acostumarán o resto de vehículos”. “A bicicleta é un medio de transporte ecolóxico, económico e saudable, e como cidadáns debemos impulsar o seu uso”, rematou.

8 de setembro de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.