Os vilagarciáns poden resolver as súas dúbidas sobre o recibo da luz no propio Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía conta dende onte cun novo servizo de información e asesoramento sobre o recibo da luz. A oficina ponse en marcha a través dunha iniciativa da Deputación provincial e a Unión de Consumidores de Galicia coa colaboración do Concello co obxectivo de que os usuarios consumidores de electricidade aclaren as súas dúbidas e reciban información clara sobre as diferentes tarifas e contratos existentes e diversas medidas de aforro.

A oficina de asesoramento e información a persoas usuarias de electricidade emprázase no entresolo da Casa Consistorial de Ravella, nas dependencias da Oficina Municipal de Consumo. Funciona dende onte, 2 de setembro, e permanecerá operativa ata o 31 de outubro. Unha traballadora encargarase de atender aos usuarios de luns a venres en horario de 10 a 14 horas, recomendándose solicitar cita previa chamando ao teléfono 986 099 200 extensión 222. cando acudan á cita concertada deberán levar o contrato e facturas da luz do último ano.

O co0metido da oficina é proporcionar asesoramento individualizado e información sobre os dereitos dos consumidores de electricidade en materia de contratación, facturación e aforro. En concreto ofrecerase asesoramento sobre consultas e dúbidas na factura eléctrica, información sobre as opcións para contratar electricidade, sobre as distintas tarifas existentes e as potencias suficientes en cada caso, compararanse os prezos do mercado libre regulado de electricidade e se lle entregará ao usuario unha comparativa personalizada e adaptada as súas necesidades de consumo eléctrico con distintas opcións de mercado. Tamén se lles asesorará na escolla da mellor opción para lograr aforro na factura.

Este novo servizo para informar e asesorar sobre o recibo da luz implantouse en diferentes lugares da provincia de Pontevedra. Ademais da do Concello de Vilagarcía, tamén se abriron oficinas municipais en Cangas, A estrada, Cambados, Lalín, Ponteareas, Redondela e Tui, ás que hai que engadir as oficinas de ámbito comarcal habilitadas nas dependencias da Deputación en Pontevedra e Vigo.

3 de setembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.