Os veteranos do Celta e do Rápido de Bouzas mediranse nunha festa do fútbol no estadio Baltasar Pujales
O vindeiro sábado, ás seis da tarde, no estadio de fútbol Baltasar Pujales de Bouzas, os veteranos do Real Club Celta de Vigo e do Rápido enfrontaranse para conmemorar o centenario do histórico club boucense, nun torneo organizado pola Deputación de Pontevedra.
Esta mañá presentouse o evento na sede viguesa da Administración Provincial, coa presenza de ex-xogadores do Celta como Otero, Matei, Bacjetic ou Moncho Carnero, entre outros, ademais do presidente do Rápido, Manuel Seoane; o vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, e a deputada Marta Iglesias.
Figueroa e Seoane explicaron que o torneo ía ser inicialmente un triangular coa presenza tamén do Deportivo da Coruña. Pero finalmente o club herculino aprazou ao seu pesar a cita en Vigo por culpa das lesións que afectan neste momento a algúns dos seus xogadores clave. En concreto, Fran e Manjarín teñen que pasar en breve polo quirófano e os dous clubs optaron por esperar a súa recuperación e dilatar no tempo este partido entre os veteranos do Dépor e do Celta en Bouzas.
O presidente do Rápido sinalou a este evento como un dos últimos relacionados co calendario organizado con motivo do centenario do club. E Javier Matei cualificou este choque do sábado, ás seis da tarde, como “unha gran festa para os xogadores veteranos e para os afeccionados ao fútbol”.
Pola súa banda, José Manuel Figueroa agradeceu a contribución do Rápido de Bouzas ao fútbol base vigués e ao deporte da cidade en xeral, e mostrouse orgulloso de que a Deputación sexa un colaborador de luxo para os actos do centenario desta institución. Anunciou que a Deputación está a financiar a edición dun libro sobre a historia do club, ademais de colaborar na creación dunha aula deportiva.
A Deputación porá a disposición de todos os vigueses 1.000 entradas de forma totalmente gratuíta para o partido dos veteranos deste sábado. As entradas poderán recollerse desde hoxe mesmo na sede viguesa da Deputación, en horario de mañá e tarde.
O vicepresidente puxo en valor os 110 campos de fútbol de herba sintética construídos pola Deputación nos últimos doce anos, dos cales 15 están en Vigo. E destacou as obras que están a piques de culminar na reforma integral do campo federativo de Coia.
Tamén lembrou as 270 escolas deportivas de vinte disciplinas distintas que ten en marcha a Deputación, como exemplo “dunha aposta deportiva única en España e que está a servir de exemplo para outras provincias”.
Balaídos
Preguntado sobre a colaboración da Deputación na reforma do estadio de Balaídos, Figueroa foi tallante: “Colaboraremos coas obras do estadio gústelle ao alcalde de Vigo ou non -manifestou-, e o único que queremos é colaborar, non polemizar”.
Precisou ademais que “o único que nos falta é sentarnos e falar; e nós seguimos esperando a que nos chamen”. Engadiu por último que a reforma de Balaídos non é só unha cuestión de seguridade neste importante equipamento, senón que responde á necesidade de mellorar a instalación para un mellor aproveitamento deportivo e turístico do que se beneficiará toda a cidade. “Hai que situar o estadio á altura do que teñen outros clubs de Primeira División”, concluíu.











