publicidade hoxe

Os usuarios do servizo de teleasistencia de Deza reúnense nunha xornada festiva e de convivencia en Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra reúne mañá en Agolada a usuarios do seu Servizo de Teleasistencia da comarca do Deza, nunha xornada festiva e de convivencia coa que se pretende rachar co illamento social e promover unha vida activa entre as persoas maiores.

A xornada comezará ás 17,00 horas nos Pendellos, e contará coa participación dunha trintena de persoas procedentes de Vila de Cruces, Silleda, Rodeiro e o propio concello de Agolada, que terán ocasión de disfrutar da actuación do Mago Noel, así como de diversas actividades de animación, música e dunha merenda.

Esta xornada forma parte do programa de convivencias que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha este ano como complemento á atención diaria que se lle oferta ás persoas maiores e que viven soas e co obxectivo de darlle a oportunidade de contactar con outras persoas, intercambiar experiencias e romper a rutina.

Ata o de agora desenvolvéronse dúas xornadas, unha en Sanxenxo e outra en Tui e a intención e continuar desenvolvendo estes encontros noutros puntos da provincia, de forma que sexa o máximo número posible de persoas as que poida participar nelas.

400 usuarios

Na actualidade son unhas 400 as persoas de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra que se están a beneficiar do Servizo de Teleasistencia da Deputación, un servizo que busca facilitar a permanencia no seu fogar das persoas de idade avanzada ou con problemas serios de saúde que viven soas.

Este servizo garántelle ás persoas unha atención continuada e a seguridade que dá saber que contan cun sistema que lles permite pedir axuda a calquera hora do día os 365 días do ano, con só pulsar un botón.

24 de setembro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.