publicidade hoxe

Os usuarios do plan estival de alimentación intégranse no programa de intervención con familias en risco de exclusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Área de Servizos Sociais pon en marcha o 30 de setembro a segunda edición do Programa de Intervención con Familias en Situación de Emerxencia Social no que este ano integraranse a usuarios do Plan Estival de Alimentación Infantil que o departamento municipal desenvolveu para cubrir as necesidades nutricionais de nenos de familias necesitadas durante o peche dos comedores escolares. O obxectivo é traballar desde diferentes ámbitos coas familias para evitar que a súa problemática chegue a cronificarse e axudarlles a recuperar a súa autonomía económica.

A Concellería de Traballo e Benestar volve a apostar polo innovador Programa de Intervención con Familias en Risco de Exclusión Social despois dos excelentes resultados obtidos na iniciativa experimental do pasado ano, na que tanto as familias participantes como os técnicos que traballaron con elas, valoraron de forma “moi positiva” a aprendizaxe adquirida polos usuarios e a evolución dos mesmos dende o inicio ao remate do programa.

Entre as 25 familias que poderán participar nesta edición (10 máis que na primeira) incluiranse algunhas coas que xa se traballou o ano pasado, a efectos de continuar a intervención; e outras que enganchan nesta iniciativa tras tomar parte no Plan Estival de Alimentación co obxectivo de ampliar o seguimento e axuda dende unha perspectiva preventiva e interdisciplinar.

Para abordar este novo enfoque do xeito máis amplo e efectivo posible, ademais das actuacións incluídas no programa do ano pasado, inclúense neste unhas charlas informativas sobre alimentación, nutrición, e coidados hixiénicos sanitarios infantís que serán desenvolvidas por persoal da Área Pediátrica do Centro de Saúde de San Roque.

O programa comezará o 30 de setembro e desenvolverase ata finais de decembro. Durante eses meses, psicólogos, pediatras e técnicos do departamento traballarán dende diversos ámbitos coas familias perceptoras de axudas de emerxencia e que se atopan en risco de exclusión. Os técnicos traballarán coas familias de xeito individual e tamén en sesións grupais, dúas veces por semanas.

Un programa propio e adaptado ás necesidades dos usuarios dos Servizos Sociais

A idea de deseñar este programa xurdiu o ano pasado ante as necesidades detectadas no departamento de Servizos Sociais, a onde cada vez acoden máis familias que, abocadas polo paro e a perda de ingresos provocada pola crise, teñen que solicitar axudas de emerxencia social para facer fronte a pagos de extrema urxencia e necesidade, como o aluguer ou a hipoteca a luz ou mesmo a compra de alimentos.

Como xa se fixo na primeira edición, os técnicos e docentes traballarán cos participantes As actividades realizaranse a nivel individual, grupal e de intervención no núcleo familiar e traballarase o adestramento en habilidades sociais e resolución de conflitos, establecendo tamén actividades de grupo activo de redes de apoio.

A sesións grupais buscan crear un clima de relación convivencial e respecto entre familias e monitora, no que os participantes se sintan atendidos, escoitados e valorados. Isto axuda aos participantes a atopar un tempo de ventilación emocional moi positivo. Nestas sesións de grupo abordaranse temas relacionados coa busca de traballo; os dereitos, deberes e reclamacións dos usuarios e consumidores de produtos financeiros, entre outros.

As sesións individuais estruturaranse en función da historia familiar, situación laboral/formativa, situación socioeconómica, historia emocional e de saúde de cada familia. O seu obxectivo é provocar que todos os membros da familia aborden de forma conxunta as dificultades comúns a todos eles, darlles instrucións para resolvelas e facer un seguimento da evolución e logros acadados.

O Programa de Intervencións con Familias en Risco de Exclusión social foi deseñado en base ás necesidades e a idea do persoal da Área de Servizos Sociais e préstase a través dun gabinete de atención psico social. A actuación finánciase con fondos municipais e unha subvención da Deputación.

17 de setembro de 2014 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.