Os traballadores de Navantia Ferrol consideran unha burla derivar a Cádiz parte da única obra de construción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Xoán Rico, delegado da CIG no comité de empresa de Navantia Ferrol, xulgou este venres que o desvío “de parte da única obra” de construción que hai actualmente nas bancadas ferrolanas a Cádiz é “unha auténtica burla”.

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento no transcurso dunha reunión co BNG, Rico xustificou esta afirmación en que “esta contratación foi anunciada e vendida” polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como “unha negociación súa con Pemex”. “É unha burla aos traballadores e á bisbarra que agora se vaia ao sur”, incidiu.

Sobre todo, proseguiu, porque no flotel “están traballando escasamente 100 persoas” dunha bisbarra con “datos dramáticos de desemprego”.

Dito isto, explicou que os bloques para formar o flotel son “moi pequenos”, de modo que o traslado a Porto Real de oito deles “non é unha carga significativa que vaia solucionar nada”. En cambio, si suporá “sobrecostes” polo seu traslado a Ferrol para a ensamblaxe cos outros 72 bloques e polo traslado dos materiais, “xa adquiridos”.

Todo iso, engadiu, nunha obra “moi axustada” no “tema dos custos”. Así é que este sindicalista deu por feito que eses “sobrecostes” dos que alertou “se achacarán” a que os traballadores do estaleiro público ferrolano non son “competitivos, nin capaces de estar no mercado civil”.

26 de setembro de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.