Os socialistas piden no Parlamento que SOGAMA evite os intensos cheiros causados pola súa actividade no vertedoiro da Aerosa
O deputados socialistas Patricia Vilán, Raúl Fernández e José A. Sánchez Bugallo veñen de presentar unha proposición non de lei para o seu debate polo pleno do Parlamento de Galicia na que insta a SOGAMA a realizar un control especial sobre a súa actividade e a solucionar os problema dos reiterados, intensos e insoportables cheiros que teñen que soportar os veciños e veciñas de varias localidades de Ordes derivados da súa actividade no vertedoiro da Areosa.
Deste xeito, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia faise eco dunha petición realizada pola Agrupación Socialista de Ordes na última sesión plenaria local, na que o propio Goberno de Ordes recoñeceu que xan ten realizado diversas peticións a SOGAMA, pero sen conseguir resultado ningún. “Unha cousa é un mal cheiro puntual e outra moi distinta é a intensidade que están soportando os veciños de Pepín, Bailía ou Vilasenín”, explica o secretario xeral dos socialistas ordenses, Xesús Pedreira, quen indica que “temos que tratar de buscarlle algunha solución e, como non a conseguimos a través do Concello, decidimos acudir á institución competente, neste caso o Parlamento de Galicia”.
O escrito presentado polo Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia recolle que durante varios días do mes de agosto os veciños e veciños das localidades de Pepín, Bailía e Vilasenín, nas parroquias de Leira e de Mercurín, non podían nin abrir as fiestras das súas casas debido á intensidade dos cheiros que había. Uns cheiros que soportan habitualmente, pero que no último mes foron máis frecuentes e intensos.











