Os rexedores opostos á suba do canon de SOGAMA reúnense en Santiago
Hoxe pola mañá reuníronse en Santiago de Compostela representantes dos concellos que no seu día decidiron plantar cara á Xunta de Galicia e non pagar a SOGAMA tras o abusivo incremento do canon que o PP asegurou era totalmente necesario en previsión dunhas perdas para o ano 2013 que co tempo remataron por se demostrar que non eran reais, tal e como recolleron nos pasados días diferentes fontes de información. É por iso que alcaldes solicitan, máis unha vez, a retirada da suba e denuncian o engano e a manipulación con que o PP quere facer reacer o mantemento de servizos a costa dos concellos e, finalmente, das veciñas e dos vecinos que terían que aboar cantidades desproporcionadas nun contexto de importante precariedade económica.
O grupo de rexedores xulga que foi grazas ao seu labor de denuncia e combate desta decisión arbitraria e unilateral da Xunta de Galicia que saíron á luz unhas contas que deixan ver a falsidade das previsións contidas no plan de viabilidade de SOGAMA.
Tras tomaren a decisión de continuar a non pagar o canon e de levaren até o final esta medida, mesmo estudando a posibilidade de presentar un recurso perante o Tribunal Constitucional, os representantes municipais solicitan que a FEGAMP se pronuncie a este respecto e cese na súa política de servir só como instrumento de amparo das políticas decididas de xeito unilateral polo PP, para se converter nunha institución que vela polos intereses da maioría da cidadanía.
Finalmente, emprazan á Xunta de Galicia a dar marcha atrás nesta inxusta medida e a iniciar unha nova etapa de diálogo e colaboración cos concellos, cos intereses postos en solucionar os problemas da cidadanía.











