Os primeiros tres puntos da tempada quedan en Navarra
O Santiago Futsal deixou escapar os primeiros tres puntos da tempada na pista do Magna Navarra, un equipo sólido que non se deixou bater por un conxunto galego no que debutaron 6 xogadores e que deu a cara até o final do encontro.
O partido comezou con claras ocasións para ambos os conxuntos, que chegaban á meta contraria con moito perigo. Chus e Quintela tiveron as oportunidades máis claras de adiantarse no marcador, pero a intensidade do Magna Navarra en ataque dobregou as ocasións do conxunto galego e logrou adiantarse no marcador con gol de Pablo Ibarra. O debutante superou a Marcos Vara cun remate no segundo pau a pase de Jesulito no minuto 8 de partido.
O Santiago Futsal seguiu tentando a igualada antes do descanso, pero os paus interpuxéronse entre os galegos e o gol. O balón tocaría en ambos os paus e cando xa se introducía en liña de gol, Raúl Jiménez logrou deter o esférico.
Co marcador en contra, e a pesar das claras ocasións que tiveron os galegos para empatar o encontro, no minuto 17 chegaría o segundo dos locais cun disparo coa zurda de Roberto Martil que se coou pola escuadra da portaría da meta compostelán.
Tras o descanso, e cun Santiago Futsal que se tivo que aplicar en defensa polas chegadas dos locais, Dani Saldise ampliou a vantaxe para os seus no minuto 23 ao aproveitar un rexeite do Santiago Futsal.
Tentaba o conxunto galego facerse co dominio do encontro pero sen sorte. Quintela protagonizou a ocasión máis clara dos galegos da segunda parte nun man a man co porteiro navarro que salvou a meta do Magna Navarra.
Tan só un minuto despois chegaría o cuarto tanto dos locais. Pablo Ibarra marcaría o segundo na súa conta persoal, nun remate ao segundo pau a pase de Victor Rubi, que deixaría moi costa arriba o partido para os galegos.
Sen tempo para máis, o partido concluíu coa vitoria da Magna Navarra e o Santiago Futsal regresa a casa sen puntuar na primeira xornada de Liga.
SALA DE PRENSA
Ao finalizar o partido, Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal afirmou que nos medimos a un equipo moi feito e máis experimentado, con xogadores que decidiron o partido. Nós somos un equipo en formación, hoxe debutaron varios xogadores e nótase a falta de experiencia, pero irase gañando a base de partidos. Tivemos ocasións que non puidemos materializar pero que con traballo lograremos consolidar”.
FICHA DO PARTIDO
MAGNA NAVARRA:Raúl Jiménez, Jesulito, Carlitos, Tolrá e Eseverri- cinco inicial- Roberto, Dani Saldise, Javi Saldise, Víctor, Pablo Ibarra, Samuel Carrillo
SANTIAGO FUTSAL:Marcos Vara, Diego Quintela, Pablo Tallón, Borja e Chus-cinco inicial- Dani M., Iván Rumbo, Gallego e Lucas Bolo
Árbitros: Bel Pascual e García Donas. Amoestaron con tarxeta amarela a Roberto Martil e Jesulito na Magna Navarra; e a Pablo Tallón e Lucas Bolo no Santiago Futsal
Incidencias: Partido correspondente á 1ª Xornada de Liga no Pavillón de Anaitasuna (Pamplona)
Goles: 1-0 min.8 Pablo Ibarra, 2-0 min.17 Roberto, 3-0 min.23 Dani Saldise, 4-0 min.29 Pablo Ibarra











