Os populares vigueses consideran que Vigo merece unha explicación sobre a imputación de Rivas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Europa Press

O Grupo Municipal do PP no Concello de Vigo sinalou que os cidadáns “merecen unha explicación” sobre a imputación do edil socialista Ángel Rivas, aínda que matizou que “hai que deixar traballar á Xustiza”.

Malia recoñecer que a imputación dun concelleiro do goberno é “un tema grave”, o voceiro do PP, José Manuel Figueroa, avogou por “esperar a que os xuíces ditaminen”. “Cada un é responsable dos seus actos”, apuntou Figueroa, ao tempo que pediu que o procedemento xudicial se resolva “coa máxima celeridade e transparencia”.

Preguntado polos medios sobre se Rivas tería que dimitir, o voceiro do PP eludiu pronunciarse e insistiu en que esa decisión corresponde ao imputado ou, en todo caso, ao goberno municipal.

“Sería un erro dar a nosa opinión agora, que hai un procedemento xudicial aberto”, indicou Figueroa quen, en xaneiro de 2010, foi moito máis contundente ao acusar publicamente a Rivas de beneficiarse (a través da empresa da que era xerente) de adxudicacións de obras de humanización.

Con respecto a se esta imputación cambiará a relación que o grupo do PP mantén co goberno municipal, moito máis cordial dende que os populares acordaron apoiar os presupostos de Caballero, José Manuel Figueroa proclamou que o seu grupo “vai seguir tendo boa relación co goberno para que Vigo avance”.

16 de setembro de 2014 | 12:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.