publicidade hoxe

Os Pasatempos de Outono en Cervo chegan con Ocioteca, os Enredos de Nadal, o Taller de Teatro, a Larpeirada ou o Belén de Plastilina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

O Concello de Cervo deu hoxe a coñecer as actividades incluídas nos Pasatempos de Outono para os meses de outubro, novembro e decembro, que este ano chegan cargados de programas consolidados para todos os públicos.

Para nenos e nenas comeza a nova tempada da Ocioteca, que se desenvolverá na Casa do Mar todos os sábados ao longo do curso escolar (infantil de 11 a 12:30; primaria de 12:30 a 14 h.) e na que os asistentes realizan actividades diferentes en cada xornada, mantendo algunhas con moito seguimento como as prácticas de cociña. Comeza o 11 de outubro. Outro programa de continuidade é o Taller de Teatro do grupo municipal “Pimpim”, no que participaran na anterior edición uns 30 nenos. Arrinca o 10 de outubro.

Os Enredos de Nadal son outro exemplo de programa consolidado no que se ofrecen actividades lúdicas e de aprendizaxe. En canto aos eventos puntuais, pódese destacar a Festa Infantil de Samaín (1 de novembro), o concurso de postais de Nadal ou o Belén de plastilina, no que os nenos poderán elaborar as figuriñas do belén neste material.

Para a xuventude cabe resaltar os Encontros Abertos de Música para Mozos, que se manteñen no tempo. Trátase dunha xuntanza para rapaces e rapazas con intereses e inquietudes na música que se reúnen para compartir a súa creatividade. Comeza o 11 de outubro na Casa do Mar.

En canto ao público en xeral, pode participar nas recreacións do programa Un, dous, tres. Neste outono haberá dúas ocasións para revivir este clásico, o primeiro o 3 de outubro coincidindo coa celebración do Día da Ancianidade, e despois a finais do ano o Un, dous, tres…Inocente (28 de decembro).

Tamén se retoma a actividade Lembrando contos de onte, na queos asistentes se converten en protagonistas ao compartir as súas vivencias e experiencias de tempos pasados. Outra cita habitual nesta época é a III Larpeirada de ourizo de outono, un concurso de sobremesas elaboradas con castaña seguido dun magosto popular. Tamén continúan os Talleres de decoración de Nadal nas parroquias.

Novidades

Os Pasatempos de Outono inclúen unha importante novidade como é a primeira representación teatral que ofrecerán os mozos e mozas que participan no programa de bolsas formativas do Concello (15 de novembro, 20 h. Casa da Cultura). Outra estrea é a cita que ten programada a Asociación Cabaleiros do Xunco, coa colaboración do Concello. Trátase de exhibicións de monta western e doma natural así como probas de andadura (11 de outubro durante todo o día no polígono de Cuíña).

Ao mesmo tempo, os Pasatempos de Outono 2014 inclúen actividades de concienciación polo día contra o cancro de mama ou a violencia de xénero. Ademais, hai programadas numerosas actuacións de teatro, danza ou exposicións (os gravados de Axel R. Okelmann e as Cousas de Xan Xe en outubro e as fotografías de Fabián Reino en decembro).

24 de setembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.