publicidade hoxe

Os pais de Manzaneda non enviarán ao colexio aos seus fillos para reclamar a reapertura da cociña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaManzaneda
A-
A+
Europa Press

Os 22 escolares do colexio de infantil e primaria de Manzaneda non acudiron a clase no primeiro día do curso escolar para reclamar que a Consellería de Educación fale cos pais e nais sobre o comedor pechado, para substituír o contrato de cociñeiro por un servizo de comidas que terá que facer 200 quilómetros para alimentar aos alumnos.

Segundo un dos portavoces da ANPA, Fernando Álvarez, a Consellería de Educación tomou esa decisión “sen falar sequera” cos pais dos alumnos, así que acordaron que os seus fillos non acudirían a clase ata que ese diálogo se produza.

“Evidentemente os nenos non poden estar sen escolarizar, pero toda esta semana quedarán na casa, despois de acudir este mércores á primeira hora ao colexio, só para reivindicar a reapertura dun comedor e cociña en funcionamento ininterrompido durante 40 anos e que seguro que é moito máis rendible que traer cada día a comida a cargo dunha empresa de Vigo ou Porriño, como prevén facer”, esgrimiu.

Asegurou saber que a empresa acudiu ao centro escolar no primeiro día de clases non celebradas, pois a concesionaria tivo que contratar a dúas nais para facer os traballos diarios de repartición e seguimento das comidas. “Sabemos por eles que estiveron aquí, e sabemos tamén que á propia empresa non lle interesa este labor, así que non podemos entender que levou á Consellería a tomar esta decisión”, sinalou Álvarez.

MEDIDAS DE PRESIÓN

O vindeiro luns día 15 de setembro, os pais e nais reuniranse para acordar novas “medidas de presión pacificas” para instar á Consellería a falar con eles sobre o problema que descoñecen e as posible solucións.

Segundo o portavoz, os pais non entenden que se queira cambiar un servizo diario de calidade en comidas elaboradas con produtos da zona, por outro chegado de tan lonxe e máis caro, segundo os datos que manexan.

Subliñou tamén que o colexio estivo a piques de pecharse hai uns anos pois quedou con só 14 alumnos. “Pero agora conta con 22 e a pesar de que marcharon tres neste curso, chegaron outro seis escolares novos así que o comedor é máis necesario que nunca, e cando eran 14 a ninguén se lle ocorreu ver problemas co mantemento do comedor e da cociña”, contrapuxo.

10 de setembro de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.