Os padexeiros galegos participarán esta fin de semana no Mundial de Maratón en Oklahoma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Os padexeiros galegos xa están en Oklahoma (Estados Unidos) onde o próximo fin de semana se disputará o Mundial de Maratón. Todos eles realizaron o primeiro adestramento e cualificaron as instalacións de moi boas. Varios dos deportistas son favoritos ao triunfo final.

Iván Alonso, un especialista nesta modalidade deportiva, competirá en K.1 e K-2 xunto a Emilio Merchán. Revalidar o título mundialista é o obxectivo do compoñente do Kaiak Tudense. Xunto a el tamén están os seus compañeiros de equipo Óscar Graña e Ramón Ferro que tamén teñen o cartel de favoritos en C-2. Nesta categoría terán como rivais, entre outros a Ton Campos e José Manuel Sánchez, do Breogán do Grove. Ademais, ambos tamén participarán no C-1.

David Mosquera, da Ría de Betanzos, será outro dos particiantes, modalidade na que tamén competirá Damián González, do Club Verducido Pontillón de Pontevedra. Será na categoría júnior.

O Campionato do Mundo de maratón é a última proba importante a nivel internacional da actual tempada e un dos obxectivos prioritarios para Iván Alonso, Óscar Graña, Ramón Ferro, Ton Campos e José Manuel Sánchez. Todos eles xa saben o que é gañar títulos tanto nos mundiais como nos europeos.

O Mundial disputarase o sábado e o domingo de madrugada. O nivel técnico dos participantes é “moi alto”, segundo relataron os padexeiros galegos. É previsible que se rexistre unha marca históricio de participación nunha regata destas características.

24 de setembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.