Os padexeiros galegos logran seis medallas no Campionato do Mundo de Maratón en Oklahoma
Os padexeiros galegos lograron seis medallas no Campionato do Mundo de maratón que se disputou en Oklahoma. Tono Campos foi campión en C-1 e segundo en C-2 xunto a José Manuel Sánchez. Iván Alonso logrou a prata en K-1 e o bronce en K-2 xunto a Emilio Merchán. Nesta especialidade, Álvaro Fernández Fiuza con Walter Louzán foron segundos. Óscar Graña e Ramón Ferro terminaron terceiros en C-2.
Iván Alonso non puido con Hank Mc Gregor, que se impuxo en K-1. O tudense tentouno todo, pero o surafricano foi o máis rápido despois do último porteo. O padexeiro do Kaiak Tudense foi segundo, mentres o portugués José Ramalho ocupou a terceira posición e o francés Cyrile Carre foi cuarto. Estes padexeiros mantiveron unha forte loita durante toda a regata e todos eles chegaron a ser líderes nalgún momento.
Iván Alonso tivo dificultades nalgúns tramos, pero superounos ao asegurarse unha boa posición para palear. Ao final non logrou o seu obxectivo, pero a medalla de prata pode considerarse como un gran éxito. Foi o mesmo resultado que logrou o ano pasado en Copenhague.
O tudense competiu tamén en K-2 xunto a Emilio Merchán. Nunha intensa regata, con catro embarcacións loitando polos tres primeiros lugares, todo decidiuse nos últimos metros. Hank Mc Gregor e Jasper Mocke, de Sudáfrica, foron superiores e aguantaron a presión das súas adversaros. Álvaro Fernández Fiuza e Walter Louzán foron segundos por escasa marxe ante Iván Alonso e Emilio Merchán, que o tentaron até o último metro. O tudense lograba a súa sexta medalla nun Campionato do Mundo na súa carreira deportiva e non puido revalidar o título logrado o ano pasado.
Tono Campos e José Manuel Sánchez lograron a medalla de prata en C-2, mentres Óscar Graña e Ramón Ferro foron terceiros. Os galegos non puideron con Adam Docze e Marton Kover, que lograron o triunfo de forma cómoda. Os húngaros dominaron a regata e impuxéronse con máis dun minuto e medio de vantaxe. Tono Campos, que se proclamou campión do Mundo en C-1, realizou un gran desgaste neste campionato.
Pola súa banda, Ramón Ferro e Óscar Graña entran a formar parte da historia. É a súa novena medalla nunha competición mundialista, algo ao alcance de moi poucos.
O Campionato do Mundo de maratón é a última competición importante da tempada internacional. Os galegos volveron ser protagonistas. Ademais das medallas, David Mosquera foi cuarto en C-1, mentres Damián González logrou o mesmo posto en C-1 júnior.