Os menores da Ludoteca de Verán recadan 1.500 euros para a campaña solidaria ‘Valeria, a túa loita é a nosa loita”
Na xornada de hoxe, os/as menores da Ludoteca de Verán – Campamento Urbano, organizada pola Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín, fixeron entrega dos 1.500 euros recadados na campaña solidaria ‘Valeria, a túa loita é a nosa loita’, realizada co obxecto de acadar fondos para o tratamento de rehabilitación neurolóxica de Valeria De Dios, unha pequena verinense de catro anos que padece unha ataxia cerebelosa non filiada.
Nun acto na praza do Concello, presidido polo alcalde Juan Manuel Jiménez e os concelleiros Víctor Baladrón e Paloma Esteban, os/as menores participantes na ludoteca verinense entregáronlle aos proxenitores da nena verinense o diñeiro conseguido coa venda de manualidades durante as xornadas de feira do mes de xullo, agosto e setembro. Devanditas manualidades foron realizadas integramente polos/as nenos/as e monitores/as da Ludoteca de Verán -como por exemplo broches, pulseiras, lapiceiros, pompóns ou obxectos decorativos-, que tamén foron os/as encargados/as de vendelas nun stand situado na rúa Lisa. Durante este acto realizouse un sorteo de tres tablets -doadas por Representaciones Sanjurjo- entre todos/as os/as menores da ludoteca verinense, co obxecto de agradecer a labor solidaria que estes/as pequenos/as realizaron durante os meses de verán.
Por outra banda, na xornada de mañá 09 de setembro clausúrase o servizo da Ludoteca de Verán – Campamento Urbano coa realización dunha festa hippie para os/as menores participantes no mesmo. Nesta festa os/as nenos irán vestidos con roupa e complementos dos anos 60, e contarán cunha merenda con música para todos/as. Está é a última das actividades programadas dentro deste servizo municipal destinado conciliar a vida laboral e familiar dos proxenitores e cubrir o tempo vacacional dos/as menores, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Obradoiros educativos e lúdicos de igualdade e coeducación, xogos cooperativos e de convivencia en tolerancia e interculturais, animación á lectura e contacontos, piscina, piragüismo, rutas de sendeirismo, novas tecnoloxías ou cine infantil foron algunhas das actividades nas que puideron participar os cativos/as. Ademais, durante os meses de xullo e agosto programáronse iniciativas adicadas a diferentes temáticas como reciclaxe, ambiente, deporte, alimentación, saúde ou persoas maiores; celebrarase a actividade “Xogo de San Fermín”, visita ao Parque de Bombeiros e as instalacións da Policía Local ou a Ludobatucada.











