Os grupos dos Locais de Ensaio ofrecen un concerto solidario a favor da Cociña Económica
O Concello, a través da área de Educación, Deportes e Mocidade que dirixe Francisco Mourelo, informa de que este venres, 26 de setembro, na Sala Túnel, terá lugar o VI Festival Solidario En Directo. Serán 6 horas de música a cargo de 12 dos grupos noveis dos locais de ensaio, que farán gozar ao público con estilos que van desde o pop até o metal, sen esquecerse do rock máis clásico, a música máis alternativa ou o blues. En concreto, os grupos están formados por 51 músicos, todos menores de 30 anos e cunha media de idade ao redor dos 22, que se subirán ao escenario da Sala Túnel do Coliseum para mostrar a cara máis solidaria destas novas promesas musicais.
Neste sentido, desde a área de Mocidade destacan que, como noutras ocasións, o obxectivo desta iniciativa é o de beneficiar a unha entidade social da cidade. Nesta ocasión, será a Cociña Económica, distinguida polo seu gran traballo social na cidade, a beneficiaria da gran recollida de alimentos preparada que espera, nesta ocasión, superar a tonelada de alimentos recadada durante o pasado concerto solidario que se celebrou en xaneiro.
Os interesados poden retirar as invitacións para o festival no Centro Municipal de Información Xuvenil e nos propios Locais de Ensaio. Cada invitación deber ir acompañada de 3 quilogramos de alimentos non perecedoiros que se entregarán no acceso á sala de concertos.
LOCAIS DE ENSAIO
Neste semestre que está a piques de terminar, os Locais de Ensaio contaron con 48 grupos usuarios e outros 9 grupos formaron parte da lista de espera, facendo un total de 204 músicos interesados neste proxecto musical do Concello. A evolución destes grupos noveis residentes nos Locais queda patente no aumento de concertos externos á concellaría que tiveron durante este ano 13 destes grupos.
Ademais, nesta aposta por promover o salto destes grupos ao panorama musical da cidade, a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade promoveu a creación do I Circuíto Coruña Sonora, un proxecto co que pretende apoiar e promocionar aos grupos de música integrados por mozos emerxentes na cidade, onde foron seleccionados 7 grupos dos Locais de Ensaio municipais.
Doutra banda, a finais do mes de setembro, estará publicado e a disposición da cidadanía o IV CD composto de cancións de grupos dos Locais de Ensaio. Constará de 15 temas, de estilos moi variados, que presentarán e darán a coñecer á canteira musical da cidade que forma parte do proxecto educativo-musical dos Locais. Dos grupos participantes no CD, 8 deles estréanse coa súa primeira gravación de estudo.
Os Locais de Ensaio, abertos os 12 meses do ano, os sete días da semana, cumpren o obxectivo fundamental de proporcionar aos mozos un espazo adecuado no que expresar a súa creatividade, inquietudes e manifestacións musicais. Integrado por tres locais, unha sala de control e gravación de maquetas e ensaios e un técnico de son, realiza ademais actividades formativas e actividades de exhibición.
Desde 2012, os Locais de Ensaio experimentaron unha evolución e unha mellora constantes. Por primeira vez, abren os 7 días da semana e os grupos participan en eventos da cidade promovidos polo Concello como a Tall Ships Race, ou o Maratón Atlántica Coruña42. Ademais, desde 2012, os concertos semestrais toman carácter solidario colaborando con entidades benéficas como a Cociña Económica, Médicos Sen Fronteiras ou o Banco de Alimentos. Tamén se iniciaron colaboracións con asociacións e entidades da cidade para a promoción dos grupos residentes, iniciouse un programa de Saúde Musical e consolidouse o programa formativo complementario para músicos noveis.











