Os expertos piden en Santiago investigación orientada á medicina personalizada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Os expertos piden “desesperadamente investigación orientada á medicina personalizada” que permita outorgar “seguridade” neste campo e anime a institucións e facultativos a “perder o medo” na súa aplicación.

Así o resaltaron os participantes no foro sobre medicina personalizada que este xoves organizou o Instituto Roche dentro das actividades da feira BioSpain, que acolle Santiago de Compostela ata o venres.

“A posibilidade de ofrecer diagnósticos e tratamentos personalizados deixou de ser un desexo para converterse nunha nova forma de abordar as enfermidades”, explicou Federico Plaza, director de Government Affairs de Roche en España e para quen este tipo de medicina “supuxo un cambio de paradigma” no ámbito da saúde.

Pola súa banda, o doutor Manel Esteller, director de Epixenética do Cancro e do Programa de Bioloxía do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge, considerou como “clave” neste proceso o concepto de “perda de medo” por parte de profesionais sanitarios e institucións.

Nesta liña, Esteller reclamou o clínico que “perda o medo” a “incorporar as análises xenéticas á súa medicina diaria” e estreite os seus lazos cos investigadores doutras disciplinas. Tamén reclamou ás institucións sanitarias que “perdan o medo a incorporar a súa práctica diaria” este tipo de medicina, que supón un “gasto” a priori pero “acaba sendo un aforro”.

PASOS ADIANTE

Antonio Andreu, director do Instituto de Saúde Carlos III, evidenciou o compromiso desta institución coa medicina personalizada e asegurou que a comunidade científica española está en disposición de “dar pasos adiante” nesta disciplina.

Non obstante, recoñeceu que o proceso de implantación deste tipo de medicina está a ser “moi complexo”, dado que existe unha “profunda ignorancia sistémica sobre as posibilidades da medicina personalizada”.

Fronte a iso, Antonio Andreu pediu “desesperadamente investigación orientada á medicina personalizada”, que permita incrementar os niveis de “seguridade” das súas indicacións e contribúa a un uso máis estendido.

Aínda que o concepto xa está introducido no ámbito sanitario e social, Federico Plaza lamentou que non estea “asumido aínda” que “son imprescindibles os rexistros de pacientes” para avaliar os resultados en saúde e medir o seu impacto económico”, destacou.

25 de setembro de 2014 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.