Os clientes do CCA Rúa Barcelona elixen a tenda TodoLar do Mercado das Conchiñas como a súa favorita

Entrega do diploma a TodoLar
Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de agosto nos establecementos asociados ao CCA Rúa Barcelona, elixiron como o seu comercio favorito a tenda de menaxe, fogar, decoración e téxtil TodoLar, situada no Mercado das Conchiñas.
Este negocio foi o que máis clics recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5euros de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, foron as encargadas de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores. Vázquez Abeal salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.
A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que no centro comercial aberto da Rúa Barcelona rexistrou preto de 3.000 xogadas, está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.
Sol Vázquez Abeal lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA da Rúa Barcelona resultou beneficiado con apoios por 33.000 euros.











