publicidade hoxe

Os clientes do CCA de Arteixo escollen como o seu comercio favorito a Inoff

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+
Entrega do diploma aos responsables de Inoff

Entrega do diploma aos responsables de Inoff

Os participantes na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolveu durante todo o mes de agosto nos establecementos asociados ao CCA de Arteixo, elixiron como o seu comercio favorito a tenda de calzado deportivo de moda Inoff.

Este negocio fundado en 2006, á fronte do cal está un xoven emprendedor, foi o que máis clicks recibiu en www.maisquecomercio.com, web na que os clientes podían participar nun xogo en liña por cada 5€ de compra e optar a diferentes premios ao tempo que elixían o seu comercio preferido.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, que foi a encargada de entregar o diploma ao establecemento máis votado nun acto no que tamén se entregaron os agasallos aos clientes gañadores, salientou que ademais de destacar o traballo dos centros comerciais abertos, Máis que comercio! ten por obxectivo resaltar os valores do comercio de proximidade, como son a calidade, o trato ao cliente ou a variedade.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria, que en Arteixo alcanzou o máximo de participación do mes de agosto, chegando a rexistrar máis de 9.000 xogadas, está a percorrer Galicia durante todo o ano, desenvolvéndose cada mes en cinco centros comerciais abertos.

Sol Vázquez Abeal lembrou que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Arteixo resultou beneficiado con apoios por 22.000 euros.

24 de setembro de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.