Os centros de educación de Tabeirós-Terra de Montes contaron con máis de 80.000 euros para melloras

Cores Tourís na visita ao colexio figueroa da Estrada
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o colexio de Figueroa de A Estrada onde destacou os máis de 80.000 euros investidos pola administración autonómica no presente ano para a mellora dos centros educativos dos concellos da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.
Durante a visita, o responsable territorial estivo acompañado polo alcalde de A Estrada, José López Campos, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.
No caso do colexio de Figueroa en A Estrada, investíronse 53.500 euros para a reposición da cuberta. “O paso do tempo causo danos nesta estrutura, polo que foi necesario retirar a tella e colocar unha nova cuberta de panel sandwich, forrándose os paramentos verticais de encontros dos tellados a distintas alturas para evitar as filtracións polas xuntas”, explicou Cores Tourís.
O delegado territorial agradeceu a colaboración do concello para a execución de obras de mellora dos centros da localidade, recordando que “grazas a este traballo conxunto podemos chegar a facer moitas máis obras, como é o caso de Souto de Vea, onde, tras obter o permiso da Xefatura Territorial de Educación, o concello puxo en marcha a ampliación do aparcamento de autobuses, o que permitirá mellorar a seguridade dos escolares”.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén recordou que, a maiores das obras executadas directamente pola administración autonómica, dende a Xefatura Territorial de Educación tamén se remitiron 25.000 euros aos distintos centros dos tres concellos “en concepto de gastos extraordinarios, de cara a realizar distintas obras de mellora nos colexios e institutos. Trátase de traballos como pintado de interiores ou mellora de carpinterías”, explicou Cores Tourís.
“A suma de todas estas cantidades demostra a implicación da administración autonómica cos centros educativos e a calidade educativa da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, xa que estamos a falar de case 3 millóns de euros destinados nos últimos anos a obras de mellora e reforma tanto en Primaria coma en Secundaria de A Estrada, Cerdedo e Forcarei”, quixo matizar tamén José Manuel Cores Tourís.
A nivel provincial, o delegado territorial recordou que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. “Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros”, concluíu.











