Os Bolechas e o Sabichón visitan o Centro Cultural de Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOroso
A-
A+

O Centro Cultural de Sigüeiro acollerá este sábado 27 de setembro, ás 12:00 horas, a obra “Os Bolechas e o Sabichón”, que está especialmente dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos. A entrada é totalmente de balde, ata completar o aforo do salón de actos da centro cultural orosán.

Os famosos personaxes creados por Pepe Carreiro protagonizan un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista do público e que simularán un concurso, no que os dous equipos participantes, liderados por Braulio e Loli, pedirán a participación e a complicidade dos nenos e nenas de Oroso para poder vencer. Así poténciase aínda máis a identificación dos pequenos cos Bolechas, un referente positivo estreitamente asociado ao galego xa que falan sempre a nosa lingua (nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos coma este). Ademais de promover o uso do galego, “Os Bolechas e o Sabichón” tamén ten a súa parte didáctica, xa que os nenos e nenas de Oroso deberán amosar os seus coñecementos e habilidades lingüísticas durante o concurso.

Esta actuación está organizada polo Concello de Oroso e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do programa de dinamización lingüística FalaRedes. O Concello de Oroso, como membro da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, é un dos 57 Concellos que recibirá a visita dos personaxes creados por Pepe Carreiro, unha iniciativa que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

25 de setembro de 2014 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.