publicidade hoxe

Os Bolechas e o Sabichón visitan a Casa da Cultura de Lousame este domingo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 14 de setembro, ás 19:00 horas, a obra “Os Bolechas e o Sabichón”. Unha iniciativa incluída no programa de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Unha actividade dirixida especialmente a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos e cuxa entrada será totalmente de balde ata completar o aforo do salón de actos da Casa da Cultura de Lousame.

Os famosos personaxes creados por Pepe Carreiro protagonizan un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista do público e que simularán un concurso, no que os dous equipos participantes, liderados por Braulio e Loli, pedirán a participación e a complicidade dos nenos e nenas de Lousame para poder vencer.

Deste xeito, poténciase aínda máis a identificación dos nenos e nenas cos Bolechas, un referente positivo estreitamente asociado ao galego xa que falan sempre a nosa lingua (nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos coma este). Ademais promover o uso do galego, “Os Bolechas e o Sabichón” tamén ten a súa parte didáctica, xa que os nenos e nenas de Lousame deberán amosar os seus coñecementos e habilidades lingüísticas durante o concurso.

O Concello de Lousame, como membro da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, será un dos 57 Concellos que recibirá a visita dos personaxes creados por Pepe Carreiro, unha iniciativa que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

 

9 de setembro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.