Os 600 asistentes á Festa da Terceira Idade demostraron o crecente éxito do evento mosense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Entrega de distincións

Entrega de distincións

O Concello de Mos organizou un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, celebrada onte en Costoias, parroquia de Tameiga, e que este ano cumpriu a súa XXIV edición contando coa asistencia dun total de 600 persoas, entre homenaxeados, familiares e amigos.

Éxito rotundo desta emblemática festa, cobcebida dende a administración local mosense como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados, ou vodas de ouro. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 25 parellas de todo o municipio, un total de 50 persoas.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

A xornada festiva de onte comezou ás 12.00 horas co oficio dunha Misa cantada no recinto de Costoias e seguidamente deu o seu concerto a Banda de Música Xuvenil de Torroso. Ás 14.00 horas serviuse o aperitivo campestre a base de callos e porco ó espeto, gratis para tódolos asistentes, e media hora despois deu comezo o xantar no que os matrimonios homenaxeados foron convidados polo Concello.

A partir das 16.00 horas o grupo musical ‘3.com’ amenizou a sobremesa e ás 16.30 horas tivo lugar a entrega de agasallos ós homenaxeados.

1 de setembro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.