Orozco non ve sentido a que se eternice o segredo sobre a instrución da Pokémon
O alcalde de Lugo, José López Orozco, afirmou que “non ten sentido que se eternice tanto” o segredo sobre a instrución relativa á ‘Operación Pokémon’, no que alude a el, e insistiu en que “nunca” recibiu “nada”.
Nunha entrevista na Radio Galega, Orozco comentou que lle parece “moi acertado” o que di a Audiencia Provincial de Lugo sobre que o xulgado instrutor aclare se o rexedor “está imputado neses folios” aínda declarados segredos na causa ou senón que abra esa parte.
Neste sentido, sinalou que está “a desexar” que se aclare o relativo á súa persoa na causa, pero recalcou que esta non “forma unha parte importante” na súa vida. “Parto dun feito, que supostamente me deron é supostamente. A Xustiza ten que analizar feitos. Nunca recibín absolutamente nada, por tanto, de aí nace a miña tranquilidade”, explicou.
Por iso, o alcalde de Lugo manifestou que a súa imputación na denominada ‘Operación Pokémon’ é “unha anécdota amolada” na súa vida. “Non deixa de ser máis que unha anécdota”, aseverou.
Ademais, preguntado sobre se esta imputación pode supor un impedimento para volver presentarse nas municipais, Orozco aclarou que “non é un impedimento legal nin dos estatutos do partido”.
“Estou seguro de que se tomo a decisión de presentarme vai haber alguén que me sinale co dedo: mira un imputado”, sostivo, para sentenciar que “iso entra dentro da vida política”. Engadiu que o portavoz socialista parlamentario, José Luís Méndez Romeu, dicía que “esixe un plus de responsabilidade e explicación”. “Con iso conto”, abundou.
“A XENTE COÑÉCEME”
“Pero conto con que a xente de Lugo me coñece desde hai moitos anos, sempre estiven en Lugo, saben como e de que maneira vivo e cales son as miñas pretensións e obxectivos. Iso dá moita forza e confianza”, afirmou.
Con todo, Orozco insistiu en que aínda ten que sopesar se se presenta de novo nas municipais do próximo ano porque o ten “que analizar”. “Primeiro direillo á miña familia e segundo, ao meu partido”, concluíu sobre a decisión que prevé comunicar este mes.











