Oroso anima aos seus maiores a colaborar como voluntarios
O local da terceira idade de Sigüeiro acolleu na tarde de onte martes a primeira sesión da nova temporada dos “Martes saudables”, unha iniciativa coa que o Concello de Oroso quere achegar cada mes información útil e práctica para os seus maiores. Nesta ocasión tivo lugar unha charla de iniciación ao voluntariado, que contou coa participación de Antonio Leira, concelleiro de Voluntariado; Ruth González Pais, técnica da Dirección Xeral de Voluntariado; e Alfonso Romero, voluntario en varios proxectos e entidades como Down Compostela.
Leira Piñeiro animou aos maiores de Oroso a achegarse ao mundo do voluntariado xa que “todos e todas temos algo que ofrecer, aínda que sexa a nosa simple compañía pode facerlle máis doado o día a día aos demais”. O concelleiro explica que “pretendemos canalizar dun xeito organizado a solidariedade dos veciños e veciñas de cara a colaborar nos distintos programas sociais que facemos en Oroso”.
Ruth González realizou un achegamento xeral ao mundo do voluntariado, dos voluntarios e das entidades de acción voluntaria, explicando as distintas iniciativas e axudas postas en marcha pola Xunta. Pola súa banda, Alfonso Romero falou da súa experiencia persoal como persoa voluntaria.
Oficina municipal
Na actualidade, o Concello de Oroso dispón dunha Oficina de Voluntariado no centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro, onde a técnico de Voluntariado atende os luns e martes en horario de 9:00 a 15:00 horas (teléfono 981 69 09 03). Na actualidade o Programa de Voluntariado contempla os seguintes proxectos:
– apoio ás persoas maiores e dependentes: acompañamentos, xestións, recados
– voluntariado medioambiental: recuperación e mantemento dos espazos naturais, roteiros, Camiño de Santiago…
– solidariedade social: roupeiro social, recollida de xoguetes…
– voluntariado cultural e deportivo: apoio en actividades como exposicións, eventos deportivos, obradoiros…
– voluntariado cívico: coidado do mobiliario urbano, entrada/saída do colexio…
– infancia e xuventude: obradoiros, actividades…
– inmigrantes: axuda á integración, trámites, campañas de sensibilización…
– persoas con discapacidade: acompañamento, axuda…











