Oroso abre o prazo de inscrición nas actividades gratuítas para maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición nas actividades gratuítas para os maiores e nos obradoiros deportivos para o curso 2014/2015, que terán lugar entre os meses de outubro de 2014 e maio de 2015. En ambos casos, o prazo de inscrición estará aberto ata o venres 26 de setembro e poden descargar os impresos na web municipal (www.concellooroso.com).

A oferta do Concello de Oroso para os seus maiores inclúe ximnasia (no centro cultural de Sigüeiro e nos locais sociais das parroquias de Trasmonte, Senra e Os Ánxeles), informática (na Aula de Informática de Sigüeiro) e taichí, obradoiro da memoria e música e movemento (no centro cultural de Sigüeiro). Para anotarse é preciso ter máis de 60 anos, estar empadroado en Oroso, non estar afectado por ningunha enfermidade infecto-contaxiosa e que a actividade solicitada sexa compatible co estado de saúde do solicitante.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 26 de setembro no Departamento de Servizos Sociais (mércores e venres, rúa do Deporte nº 9, baixo. Telf: 981 688 950) ou no Departamento de Animación Social (luns e martes, rúa da Cultura nº 1. Telf: Teléfono 981 690 903). É preciso a inscrición dun mínimo de 10 persoas para a realización de cada actividade.

Deportes

Paralelamente, o Concello de Oroso tamén vén de abrir inscricións nos distintos obradoiros deportivos municipais, que inclúen este ano un total de quince modalidades deportivas: bádminton, fútbol, fútbol sala, golf, ioga, pilates, squash, taekwondo, tenis de mesa, patinaxe-hockey, xadrez, ximnasia de mantemento e zumba.

A cota das actividades xestionadas directamente polo Concello de Oroso (pilates, ioga, ximnasia de mantemento, zumba e squash) terán un prezo anual nun pago único de 80 euros para os empadroados/as en Oroso e 130 para os non empadroados/as. Nas actividades que sexan impartidas polos clubs deportivos, serán estes os encargados de xestionar os cobros. O Concello de Oroso establecerá un desconto do 20% nas tarifas aqueles usuarios/as que pertenzan a familia numerosa. A admisión ás actividades farase por rigorosa orde de antigüidade das solicitudes.

As inscricións poden realizarse ata o 26 de setembro na Oficina Municipal de Deportes, no centro deportivo de Sigüeiro (981 927 901), en horario de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas.

17 de setembro de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.