Oroso abre o luns o prazo de inscrición para os obradoiros municipais
O Concello de Oroso abre desde o vindeiro luns 8 ata o mércores 24 de setembro o prazo de inscrición nos seus obradoiros municipais do curso 2014/2015. As anotacións deben tramitarse no Centro Cultural ou en internet, a través da sede electrónica do Concello de Oroso: https://sede.oroso.es/gl/. A oferta de obradoiros abrangue unha ampla variedade de propostas para todas as idades.
Dentro desa oferta, as clases de debuxo e pintura terán lugar no Centro Cultural de Sigüeiro os luns pola tarde: de 17 a 19 horas para nenos e nenas e de 19 a 21 horas para persoas adultas. As clases comezan en outubro e concluirán en maio, cun prezo de 17 euros mensuais para persoas empadroadas no municipio.
En canto ao curso de cestería tradicional, que comezará en outubro e rematará en decembro, está programado para persoas maiores de catorce anos. Desenvolverase os sábados de 10 a 12 horas no Centro Cultural. O seu custo é de 25 euros ao mes para empadroados.
Tamén se ofrecen clases de patchwork, con nivel de iniciación os martes de 18 a 20 horas e nivel de perfeccionamento os mércores de 18 a 20 horas. Poden participar persoas maiores de dezaseis anos e ten un prezo de 20 euros mensuais para empadroados. O curso dá comezo en outubro e concluirá en maio.
Esa mesma duración terá o curso de traballos manuais, establecidas os martes e xoves de 19 a 21 horas no Centro Cultural. Son tamén para maiores de dezaseis anos, que poderán escoller por participar un día á semana ou os dous, con prezos de 20 ou de 30 euros mensuais.
A oferta da actividade de labores inclúe borados, gancho, calceta, tapiz, trapo e feltro. Os dous horarios opcionais previstos son de 10 a 12 horas ou de 17 a 19 horas, os xoves. Tamén se trata dunha oferta para maiores de dezaseis anos. O curso vai desde outubro ata decembro, cun prezo de 20 euros ao mes para persoas empradroadas en Oroso.
Ademais, na programación figura un curso de decoración de cup cakes, tartas e galletas entre os meses de outubro e xaneiro. Poden participar maiores de dez anos. Custará 50 euros ao mes, co material incluído no prezo, e serán dúas horas de clase á semana, aínda que de momento non se confirmaron os horarios.
A fotografía dixital forma parte tamén da programación de obradoiros municipais de Oroso. As clases terán lugar na Aula de Informática os venres pola tarde, de 16:30 a 18 horas, desde novembro ata maio. Poden participar maiores de catorce anos e o custo é de 18 euros ao mes para empradroados.
Por último, tamén se propoñen as clases de teatro e de bailes de salón, en liña, deportivos, modernos e latinos.











