Orbe S.A. presenta o proxecto da súa fábrica no parque empresarial da Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas Perfecto Rodríguez informou que a empresa ORBE, S.A. xa presentou a finais de agosto o proxecto para a construción da súa fábrica de conservas no Parque Empresarial da Reigosa.

O proxecto agora presentado xa conta coa correspondente declaración de incidencia ambiental favorable outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, outorgada o 22 de agosto despois de pasar todos os trámites ambientais.

Agora despois deste trámite só resta que o Concello outorgue a correspondente licenza de obra e actividade para que ORBE, S.A. poida xa iniciar a construción da súa nave. No entanto, a empresa xa iniciou o pasado mes as tarefas de acondicionamento do terreo da parcela nº 13 na que se instalará a fábrica, e para o que conta coa correspondente autorización municipal.

O alcalde espera axilizar ao máximo os trámites municipais para poder outorgar esa licenza xa neste mes de setembro, co obxectivo de facilitar ao máximo á empresa a súa instalación neste polígono industrial da Reigosa.

O proxecto contempla unha nave para a fábrica de conservas cunha superficie total de aproximadamente 5.589 metros cadrados de ocupación en planta.

Terá unha planta baixa cunha superficie útil de 5.437,93 metros cadrados destinada principalmente á elaboración de conservas de peixes e mariscos.

Unha planta primeira cunha superficie útil de 429 metros cadrados destinada a oficinas, aseos, comedor e unha zona de descanso para o persoal de produción; e finalmente unha planta segunda de 2.852,18 metros cadrados útiles destinados a almacenamento ademais da cociña necesaria para o proceso produtivo.

O cerramento de fachada será principalmente de panel prefabricado de formigón con illamento revestido exteriormente con chapa de aceiro prelacado.

O investimento total nesta obra valórase en 6.250.328,37 euros, dos cales 3.246.120,55 euros correspóndense á obra civil e instalacións e 3.004.207,82 euros a maquinaria e equipamentos auxiliares.

O alcalde Perfecto Rodríguez considera moi importante a instalación desta empresa no Parque Empresarial da Reigosa, que se une á anunciada instalación doutra empresa como ALUDEC SAXONIA que tamén iniciou o acondicionamento da súa parcela o pasado mes de xuño.

Tal e como lle trasladaron ao alcalde os responsables de ORBE, a idea da empresa é poder ter finalizada a obra durante o primeiro semestre de 2015, co obxectivo de que a fábrica poida xa comezar a súa actividade o próximo verán.

12 de setembro de 2014 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.