publicidade hoxe

O vindeiro sábado a nova escola confrade A Paixón inaugura o curso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

Tras máis dun ano de traballo, os integrantes da banda A Paixón lograron o seu obxectivo de ter un local no que poder desenvolver as súas múltiples actividades. Foi o Concello de Neda o lugar que os acolleu e no que o próximo día 20 de setembro iniciarán oficialmente a súa actividade académica destinada a formar alumnos de música confrade. Farano ás 20 horas cun ensaio xeral, aberto ao público, nas recentemente estreadas instalacións.

A Paixón intégrana músicos de diferentes idades con experiencia no mundo das bandas. Todas elas comparten un obxectivo común: ensinar os seus coñecementos e, ao mesmo tempo, formar unha gran banda que actuará en desfiles procesionais e en festexos populares, non só da comarca ferrolá, senón allende nosas fronteiras. A agrupación está dotada de variados instrumentos que pon a disposición dos aprendices de modo altruísta. Non se trata dunha escola ao uso, pois sen abandonar os coñecementos teóricos, basearase principalmente na práctica, de modo que non se requira dun gran esforzo por parte dos estudantes, senón que o gocen como un entretemento enriquecedor. Deste xeito, no seu curso de iniciación, os compoñentes poderán gozar das súas primeiras aprendizaxes a nivel teórico, achegándose aos distintos parámetros musicais, como lectura de solfexo, tempo, altura, intensidade, etc.

Esta formación inicial complementarase con clases instrumentais en función da categoría en que estean agrupados os aprendices, podendo así ser corneta primeira, segunda ou terceira, trompeta primeira, segunda ou terceira, fliscorno, baixos, tambores e timbales. Ademais, na súa sede situada no lugar da Ribeira do Coto, nº 3, no edificio que até non fai moito ocupaba unha gardaría, ofrecen aos mozos, un punto de encontro e esparexemento. Ao mesmo tempo, os seus integrantes promoverán ao longo do ano, actividades culturais e solidarias, co fin de dotar aos seus alumnos dunha verdadeira formación integral.

Unha nova oferta musical para o Concello de Neda A afección musical das xentes de Neda é ben coñecida. Son moitas e moi boas as voces que saíron deste Concello e que se pasean polas rúas da comarca nas súas noites de roldas. Tamén contou con grandes compositores como Fausto Canso, quen non en balde, é o autor da maxestuosa marcha do Ecce Homo que soa na Semana Santa de Ferrolterra. Con todo, nunca na historia da Real Vila, contaran coa existencia dunha banda de cornetas e tambores, nin dunha escola gratuíta que permitise ademais, integrase aos seus alumnos na Banda. É por iso, que o Concello de Neda está de parabén.

18 de setembro de 2014 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.