O teatro protagoniza a axenda cultural do Concello de Teo
O teatro volve a protagonizar a axenda cultural do Concello de Teo no mes de outubro. Neste 2014 chégase á VII edición desta iniciativa que oferta funcións teatrais nas fins de semana deste mes que está a piques de comezar. Pezas teatrais de calidade que se poderán ver no Centro Cultural da Pontevella en Reis agás dúas funcións que se programan no IES de Cacheiras para o alumnado do centro e unha actuación das fillas bravas de Chévere nos Tilos.
O VII Mes do teatro comeza este ano coa obra “Bye bye honey” da compañía Obras públicas. Trátase dun espectáculo de teatro musical no que haberá espazo para o humor, o amor e sobre todo a música. Como “reza” o cartel da obra as personaxes deste musical están rodeados de “Lumpen, pachanga e rock´n roll”. Bye bye honey está interpretada por César Goldi, veciño de Teo, Iolanda Muiños e Carlos Mosquera Mos. Tivo cinco nominacións nos Premios María Casares e obtivo o de mellor música orixinal e mellor actor secundario. A función este venres en Reis comezará ás 22:00 horas.
O venres 10 toma o relevo a compañía do veciño Concello de Vedra Andaravía Teatro que presenta en Teo a súa “República de Gundián”, unha peza escrita e dirixida por Carlos Santiago en colaboración con Pepe Penabade. Trátase dunha obra dirixida ao público adulto e comezará ás 22:00 horas.
O domingo 19, no CC da Pontevella en Reis teremos unha función para nenos e nenas a partir dos 3 anos, “O mundo ao revés” de GarabaTo de xogos. E nun horario axeitado para un público familiar, as 12:00 horas. O sábado 25 ás 18:30 horas será a quenda de Fanfarra Títeres e a peza “A modernidade chega á vila” para cativos/as de máis de 5 anos tamén en Reis.
“As fillas Bravas” de Chévere tamén teñen o seu oco no VII Mes do teatro de Teo. O domingo 26 estarán no local da Pontevella en Reis ás 18:00 horas e o xoves 30 ás 20:00 horas no local da Asociación Recreativa e Cultural Os tilos.
Este ciclo teatral péchase o 2 de novembro ás 19:00 horas en Reis coa peza “Sede de mal” de Boneca Lareta- Culturactiva dirixida a un público adulto. Cabe destacar que nesta programación tamén se apostou por achegar o teatro a un público escolar, neste caso aos rapaces e rapazas do IES de Cacheiras. O mércores 1 de outubro dramatízase no centro “No smoking” de Malasombra teatro.
Todas as funcións deste ciclo son de balde. Dende o Concello de Teo agradécese que cada asistente faga unha contribución ó Banco Veciñal de Alimentos de produtos non perecedeiros. Segundo nos indican os voluntarios do Banco os alimentos con máis demanda neste momento son leite e conservas.











