O Sergas rexeita cubrir as vacacións dun dos médicos de San Sadurniño
O Centro de Saúde de San Sadurniño leva varios días cun médico de cabeceira de menos. Un dos titulares está de vacacións e a Consellería de Sanidade non enviou aínda quen o substitúa. Esta circunstancia estase notando nas citas, que hoxe mesmo xa acumulaban retrasos de case 15 días no caso das consultas. O Concello contactou coa consellería para que se lle dea unha solución inmediata ao problema. Este mediodía obtivo resposta: o SERGAS non vai mandar a ninguén.
En San Sadurniño hai dous médicos de atención primaria e un deles está gozando das vacacións que lle corresponden. No canto de enviar alguén de substitución para que o servizo funcione con normalidade, o SERGAS leva xa tempo tirando da intersubstitución forzosa, é dicir, que un único facultativo atenda os usuarios e usuarias que ten asignados e, ademais, parte dos do seu compañeiro.
Cunha poboación de 3.000 habitantes -arredor de 1.500 por médico- e un alto índice de avellentamento o problema está servido en forma de retrasos á hora de obter cita tanto para consulta como para receitas. Hoxe mesmo as veces máis inmediatas para medicamentos estábanse dando para o día 6 de outubro e para o día 9 como moi cedo no caso das consultas, cando o habitual sería obter cita na mesma semana ou incluso para o día seguinte.
O médico titular que falta reincorporarase ao seu posto dentro de dez días. Pero ata daquela “seguirá aumentando a lista de espera a menos que a Xunta nos envíe alguén xa mesmo”, aseguraba esta mañá Secundino García. O alcalde contactou coa Consellería de Sanidade para esixirlle “unha solución inmediata” ao problema. A resposta chegou ao mediodía e nela o SERGAS ratificou a súa postura de non substituír o facultativo ausente por vacacións.
Desde o goberno local critícase “a mala planificación da Consellería de Sanidade á hora de cubrir as vacacións do persoal” e que, neste caso, “tradúcese na prestación deficiente dun servizo básico para a cidadanía como”. Segundo denuncia o alcalde, Secundino García, a situación que se está dando en San Sadurniño “e noutras zonas de Galicia” é consecuencia directa “dos recortes na sanidade pública que a todos nos tocan sufrir”.











