O Sergas abre o prazo para o cambio de hospital aos pacientes de Povisa que así o desexen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

O Servizo Galego de Saúde vén de publicar a instrución 7/2014 que regula o prazo e o procedemento mediante o que os cidadáns asignados á área de Povisa poderán elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia. Esta instrución atópase xa dispoñible na web do Sergas (http://www.sergas.es) no apartado de Novidades, e nos próximos días publicarase tamén no Diario Oficial de Galicia para a súa maior difusión.

Poderán solicitar a inclusión no Complexo Hospitalario Universitario da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo os pacientes dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo que actualmente estean asignados a Povisa. Os cidadáns que teñan a Povisa como centro de referencia e desexen continuar nel non terán que realizar ningún trámite.

No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse o documento identificativo do solicitante –DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro ou pasaporte- e o formulario incluído na instrución publicada hoxe polo Sergas.

Se a petición a presenta un titor legal ou outra persoa autorizada haberá que levar tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica.

Presentación de solicitudes

A solicitude poderá presentarse no centro de saúde que lle corresponda á persoa interesada ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na EOXI de Vigo. Se a documentación non está completa ou ten algún defecto, haberá un prazo de dez días para subsanalo.

O prazo inicial para elixir o centro hospitalario estenderase dende hoxe ata o 30 de novembro. Posteriormente abrirase un novo período para facelo entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto.

No que atinxe aos pacientes que -por cambio de domicilio ou calquera outra causa que leve aparellada o cambio automático de centro hospitalario de referencia- se incorporen aos centros de saúde que teñen a Povisa como poboación asignada, elixirán o seu centro hospitalario no momento de elección do seu médico de atención primaria.

O cambio de hospital será efectivo no momento en que o usuario presente a súa solicitude e sexa adscrito polo Sergas. A petición levará implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.

5 de setembro de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.